A Xunta desenvolve un novo proceso de formación para facilitar o acceso dos axentes facultativos ambientais e forestais á nova escala de axentes técnicos en xestión medioambiental

Esta oferta formativa, organizada e xestionada pola Consellería de Educación, impartirase a distancia no IES de Arzúa e no CIFP A Granxa, de Ponteareas

O Goberno galego investirá na nova oferta formativa 320.000 euros, que serán financiados polas consellerías do Medio Rural (algo máis do 70%) e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (case o 30%)

Este novo ciclo superior súmase ao Plan de formación 2019 que están levando a cabo os departamentos de Medio Ambiente e do Medio Rural, co obxectivo de conseguir un servizo o máis profesionalizado posible
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

A Xunta de Galicia pon en marcha un novo proceso formativo para que os axentes facultativos ambientais e os forestais poidan acceder á nova escala de axentes técnicos en xestión medioambiental. Para iso, os conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e do Medio Rural, José González, asinaron hoxe unha addenda pola que se acorda o desenvolvemento de novas accións formativas que permitan a estes traballadores da Xunta reunir os requisitos para unha posible promoción profesional.

Deste xeito, a Xunta investirá no desenvolvemento deste ciclo superior unha cantidade total de 320.000 euros, dos cales a Consellería do Medio Rural financiará 225.216 euros –máis do 70%- e a de Medio Ambiente 94.784 euros –preto do 30%-.

Cabe lembrar que para ser un axente técnico en xestión medioambiental é preciso ter o título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural ou unha titulación equivalente. Por iso a Xunta, a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vai realizar unha oferta específica de ensinanzas do ciclo superior en Xestións Forestal e do Medio Natural para persoas adultas e na modalidade a distancia. Esta oferta modular estará adscrita ao Instituto de Educación Secundaria de Arzúa e ao Centro Integrado de Formación Profesional A Granxa, en Ponteareas.

Así, coa sinatura desta addenda a Xunta completa o proceso de acreditación de competencias que se levou a cabo no ano 2017 co mesmo fin, o de ofrecer aos axentes as condicións para unha posible promoción profesional coa conseguinte mellora das condicións económicas e laborais.

Formación e profesionalización

Así, un centenar de empregados públicos pertencentes ás consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural poderán acceder agora a esta formación para mellorar as súas condicións laborais. Esta formación súmase á que están desenvolvendo as Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural mediante o Plan de formación 2019. Así, ao longo deste exercicio, a Consellería do Medio Rural ofrece 15 cursos diferentes adaptados e enfocados a cada posto laboral dos profesionais do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia. Igualmente, dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofértanse oito cursos específicos para os axentes medioambientais, enfocados na autoprotección en parques naturais, na prevención de riscos e na loita contra os velenos no medio natural.

Mediante este plan de formación do seu persoal, ambos departamentos da Xunta pretenden actualizar a súa capacitación en materia de prevención de riscos laborais e en materia de procedementos de seguridade en incendios, así como formar ao persoal de recente ou inmediata incorporación, coa finalidade de contar cun servizo o máis profesionalizado posible.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2019