A conselleira de Política Social percorreu hoxe o centro público de titularidade autonómica Sagrado Corazón de Lugo, ao que acoden diariamente 121 nenas e nenos
Fabiola García destaca a normalidade con que transcorreu o primeiro mes do novo curso nas escolas infantís da Xunta

Destaca a capacitación do persoal e as magníficas instalacións da rede de centos que dependen da Administración autonómica

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe a normalidade co que se retomou a actividade nas escolas infantís de 0 a 3 anos que dependen da Xunta de Galicia co inicio do novo curso hai aproximadamente un mes. Díxoo na visita á escola infantil pública e de titularidade autonómica Sagrado Corazón de Lugo, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.

Fabiola García referiuse a esta escola, á que acoden diariamente 121 nenas e nenos, como un centro de referencia no que as nais e pais deixan aos seus fillos nas mans de profesionais cualificados e nas mellores instalacións. De feito, o equipamento estrea neste curso unha importante renovación que mellorou o confort das nenas e nenos, así como a iluminación e illamento térmico do equipamento.

Outra novidade deste curso é a garantía de que as pequenas e pequenos seguen o calendario de vacinación, unha medida moi ben acollida polas familias e que se implantou sen ningunha incidencia.

A conselleira tamén fixo fincapé na importancia que ten a cada vez máis ampla rede de centros de 0 a 3 anos da Xunta para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2019