O Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia analiza un informe sobre a situación dos inmobles baleiros na Comunidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu a terceira reunión deste organismo desde a súa creación, durante a que foi presentado o borrador dun estudo sobre vivendas sen ocupar na comunidade

A análise sobre o mercado de vivenda baleira en Galicia, elaborado a partir do Censo de 2011, permitirá extraer conclusións que se aplicarán no deseño de programas específicos por parte do IGVS para promover a súa mobilización

Durante a reunión, tamén acordaron encargarlle ao Observatorio a elaboración dun estudo para analizar a situación actual da accesibilidade nos inmobles de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

O Consello do Observatorio da Vivenda de Galicia reuniuse esta mañá para analizar, entre outros asuntos, o borrador dun informe elaborado por este organismo sobre a situación da vivenda baleira en Galicia no ano 2011. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, encargouse de presidir a xuntanza, a terceira que celebra esta entidade de carácter consultivo, creada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para poñela a disposición de todos os axentes sociais e económicos que participan no desenvolvemento deste sector na comunidade.

Durante o Consello, expuxéronse as principais conclusións deste informe, co fin de dalo a coñecer entre todos os seus membros e abrir un período no que poidan pronunciarse ou facer as súas propias achegas para completar este documento de traballo, antes da súa aprobación. O obxectivo deste estudo, que toma coma referencia os últimos datos dispoñibles extraídos do Censo de Poboación e Vivendas do INE, realizado no ano 2011, é extraer conclusións que se poderán aplicar no deseño de programas específicos por parte do IGVS para promover a mobilización destes inmobles

Un dos datos máis salientables do estudo refírese ao ano de construción das vivendas baleiras, que nun 25% foron construídas entre os anos 2002 e 2011. En concreto, unhas 75.000 vivendas edificadas neste período estaban baleiras no ano 2011, un dato que reflicte o impacto que tivo sobre o sector inmobiliario galego o inicio da crise económica a finais da década pasada.

Cómpre ter en conta que, desde entón e ata hoxe, os datos oficiais reflicten que en Galicia se venderon un total de 117.000 vivendas, incluídas tanto as de nova construción como as de segunda mano, moitas das cales estaban baleiras no ano 2011.

Neste sentido e a pesar de que haberá que esperar a que o próximo Censo do INE de 2021 arroxe novos datos sobre a situación actual do mercado inmobiliario, a comparativa entre o número de vivendas baleiras que había en 2011 e as ventas realizadas na presente década permite concluír que, na súa gran maioría, esa bolsa de inmobles baleiros logrou mobilizarse nestes últimos anos, coincidindo coa reactivación económica e o parón que sufriu o sector da construción despois do boom inmobiliario.

As vivendas baleiras construídas no período 2002-2011 concéntranse, ademais, nas provincias de A Coruña e Pontevedra, as máis dinámicas en canto aos movementos de poboación e as dúas nas que se centrou a nova construción nos anos anteriores á crise.

Pola contra, outro dos grupos máis salientables dentro do parque de vivendas baleiras de Galicia, aquelas construídas antes do ano 1900, concéntranse sobre todo en Ourense e Lugo, dúas provincias nas que, de feito, a meirande parte das vivendas que estaban sen ocupar en 2011 eran construcións centenarias e, polo tanto, cunhas condicións de habitabilidade escasas, características bastante alonxadas dos novos estándares de calidade construtiva ou emprazadas en lugares con pouca demanda residencial.

Da análise dos datos do INE conclúese que, por un lado, a crise económica influíu de forma importante no número de vivendas baleiras existentes en Galicia no ano 2011, sobre todo nas provincias galegas de maior dinamismo inmobiliario; e por outra banda, que a meirande parte das vivendas desocupadas en Ourense e Lugo ou ben non reunían as condicións necesarias para ser habitadas ou ben estaban localizadas en lugares con pouca ou nula demanda de vivenda entre a poboación, xustificando así o seu estado de abandono.

Outros asuntos

Por outra banda, o Observatorio tamén debateu a proposta dun dos seus membros para realizar un estudo en materia de accesibilidade. Así, o organismo acordou impulsar unha análise que permita ofrecer unha radiografía completa e actualizada sobre o grao de accesibilidade dos edificios existentes en Galicia.

Por último, o director do IGVS, Heriberto García, informou aos membros do Consello das implicacións da recente aprobación da Lei de Rehabilitación e Rexeneración e Renovación urbanas de Galicia, que na anterior reunión do Observatorio aínda non estaba en vigor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2019