A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu ao encontro celebrado en Cenlle organizado por Cruz Vermella
A Xunta de Galicia gaba a xenerosidade, empatía e solidariedade das persoas que participan no programa familias acolledoras

Fabiola García sinalou que as administracións teñen a obriga de actuar para garantir o dereito de todos os menores a ter unha familia

Cenlle (Ourense), 5 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, gabou a xenerosidade, empatía e solidariedade das persoas que participan no programa de familias acolledoras de Cruz Vermella. Díxoo durante un encontro de familias que se desenvolveu no Hotel Balneario de Laias, que incluíu a conferencia sobre a materia a cargo do psicólogo especialista en educación emocional, Daniel Novoa.

Fabiola García sinalou que as administracións teñen a obriga de actuar para garantir o dereito de todas as nenas e nenos a ter unha familia, tamén aqueles que están nunha situación de desprotección ou vulnerabilidade. Para iso, a Xunta ten en marcha dous tipos de acollemento: en familia extensa, cando algún dos membros da familia do propio menor se fai cargo; e familia allea, cando outra unidade familiar sen parentesco con el o atende.

Neste sentido, a conselleira de Política Social destacou que na actualidade máis de 300 familias participan en accións de acollemento alleo, o que permite a máis de 200 nenas e nenos ter garantido o seu benestar. Unhas familias que reciben o apoio da Xunta para contribuír ao coidado do menor.

Por último, agradeceu o importante papel que ten Cruz Vermella na atención e protección dos dereitos da infancia a través da posta en marcha de diferentes programas como este. Así, Fabiola García recordou que o Goberno galego sempre estará a carón de entidades como Cruz Vermella que teñen como prioridade facer desta comunidade un lugar mellor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2019