A Xunta abre ata o 4 de novembro o prazo de solicitude das axudas para a contratación de máis de 250 técnicos de emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con 3,3M€ aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro para que conten con persoal especializado no impulso á actividade empresarial e na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

Esta medida, que forma parte da Axenda 20, busca tamén contribuír á fixación de poboación no rural
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2019

A Xunta investirá 3,3 millóns de euros no impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia apoiando a contratación e o mantemento de máis de 250 axentes que na actualidade forman esta infraestrutura especializada na promoción do emprego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano, que ten como obxectivo contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O prazo de solicitude, tanto para os concellos como para as entidades sen ánimo de lucro, remata o próximo 4 de novembro.

O Goberno galego, dunha banda, destina 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga dos axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

A contía máxima dos apoios que se conceden por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tense en conta a media de paro rexistrado no ano 2018 no concello que solicita o apoio.

Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dedica 1,1 millóns de euros ás entidades sen ánimo de lucro para apoialas na contratación ou mantemento dos axentes de emprego e unidades de apoio que colaboran na inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A contía que reciban as asociacións dependerá do número de persoas contratadas e o período.

O impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. O impulso da Rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/10/2019