A Xunta subliña a importancia das competencias emocionais e sociais dos traballadores para mellorar a súa empregabilidade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela na apertura do IV Encontro de Intelixencia Emocional En Mente organizado pola USC, que ten como obxectivo mellorar as competencias emocionais e sociais dos asistentes

Destaca este tipo de iniciativas formativas que axudan a impulsar o desenvolvemento persoal e profesional dos traballadores galegos

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura do IV Encontro de Intelixencia Emocional En Mente organizado pola Asociación de antigos alumnos e amigos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC, co obxectivo de mellorar as competencias emocionais e sociais e o desenvolvemento persoal e profesional dos asistentes.

Toca puxo en valor a organización de iniciativas como este foro de educación emocional e social, xa que, segundo apuntou, serven para que os traballadores desenvolvan a súa marca persoal axudándoos a diferenciarse e a mellorar a súa empregabilidade.

A secretaria xeral de Emprego explicou que a formación dos galegos e galegas é un dos obxectivos prioritarios dentro da Axenda 20 para impulsar o seu crecemento persoal e profesional, coincidindo coa finalidade principal deste encontro. Así, indicou que a Xunta aposta por unha formación adaptada á realidade de cada galego e tamén ás necesidades reais das empresas.

De xeito paralelo, Toca incidiu na importancia da incorporación de políticas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas compañías galegas, xa que implantar unha xestión baseada nun comportamento responsable favorece que os traballadores desempeñen o seu labor nas mellores condicións, avanzando nunha maior competitividade empresarial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/10/2019