A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou no acto polo 20 aniversario que esta asociación celebrou na Delegación territorial da Xunta en Vigo
Fabiola García destaca o traballo de Arela para garantirlles oportunidades aos menores en situación de desprotección

Esta entidade conta cunha decena de centros con 2100 menores atendidos por 250 profesionais

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, destacou o traballo e a traxectoria da asociación Arela na loita polos dereitos das nenas, nenos e adolescentes. Fíxoo no acto celebrado na Delegación territorial do Goberno galego na cidade olívica polo 20 aniversario desta entidade.

Fabiola García sinalou que “entidades como Arela son fundamentais para que cada rapaza e cada rapaz poida escoller libremente o rumbo que toma a súa vida”. Nesta liña, subliñou que para iso é necesario contar con todos os apoios posibles da xente que os rodea, en especial de profesionais formados que saiban reconducir as difíciles situacións que viven.

A conselleira de Política Social agradeceu o continuo traballo de todas as persoas que forman esta entidade que está presente nas catro provincias galegas, cunha decena de centros e recursos para a infancia e coa que máis de 2100 menores foron atendidos grazas á implicación de 250 profesionais. Estes traballan na prevención, na formación, na atención residencial e diúrna, así como na execución de medidas xudiciais e na sensibilización.

Neste sentido, Fabiola García reiterou que a Xunta de Galicia se suma ao compromiso e a vontade de Arela de seguir traballando de maneira coordinada na protección e benestar de calquera menor que o precise.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/10/2019