Ángeles Vázquez salienta a necesidade de reflexionar sobre a pegada ecolóxica que a acción humana deixa no planeta

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celebrou esta mañá cos alumnos do IES Fin do Camiño de Fisterra o Día Mundial do Hábitat

Destaca que é necesario tomar conciencia das accións de hoxe para coñecer como afecta ao mañá

Fisterra (A Coruña), 7 de outubro de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá a necesidade de que cada persoa reflexione sobre a pegada ecolóxica que deixa a acción humana no mundo e se se vive no límite ecolóxico. A conselleira compartiu esta reflexión cun grupo de alumnos do IES Fin do Camiño de Fisterra, cos que celebrou o Día Mundial do Hábitat.

Explicou que a actividade humana reduciu e fragmentou os hábitats naturais, un feito que tivo como consecuencia a desaparición de determinadas especies animais e vexetais, é dicir, unha perda da biodiversidade. Engadiu que é un deber e unha responsabilidade dos galegos de hoxe frear esta situación, e unha xeito eficaz de asumir este reto é traballar na sensibilización e na concienciación da sociedade, especialmente dos máis novos.

A conselleira salientou que a posta en marcha de iniciativas como a microrreserva da Praia Mar de Fóra, que impulsaron os alumnos deste centro educativo, son unha mostra do camiño a avanzar para evitar o detrimento da biodiversidade. Felicitou aos alumnos por reintroducir unha especie vexetal considerada vulnerable no Catálogo Galego de Especies Amezadas, a Alyssum gallaecicum, ). Trátase dunha especie que desaparecera desta zona, polo que un grupo de alumnos recolleu sementes na Praia de Langosteira e xermináronas no laboratorio para despois reintroducilas na microrreserva da praia.

Ángeles Vázquez trasladou a importancia deste tipo de iniciativa e proxectos radican no feito de que os rapaces tomen conciencia de que os feitos de hoxe afectan ao mañá, ao futuro do planeta e aos 64 tipos de hábitats de interese comunitario que existen en Galicia, dos cales 13 son considerados como prioritarios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/10/2019