Medio Rural e o Concello de Outes analizan a posibilidade de levar a cabo novos proxectos de mobilización de terras

O director xeral de Desenvolvemento Rural mantivo esta mañá un encontro co rexedor para analizar a situación actual das infraestruturas rurais neste municipio coruñés

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2019

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse esta mañá en San Caetano co alcalde do concello de Outes, Manuel González, para analizar a situación actual das infraestruturas rurais deste municipio e coñecer de primeira man as demandas e necesidades dos veciños relacionadas co agro. Neste sentido, ambos dirixentes analizaron a posibilidade de emprender novos proxectos de mobilización de terras co fin de dotar ás explotacións agrogandeiras da zona de terreos para traballar.

Durante o encontro, o director xeral trasladoulle que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que se presentará no Parlamento este ano, haberá novos instrumentos para mobilizar terreos que serán áxiles e rápidos como poden ser os polígonos agrarios e a xestión conxunta. Neste senso, Pérez Dubois salientou que entre os obxectivos da nova lei están os de promover a recuperación produtiva das terras, loitar contra o seu abandono e facilitar a ordenación dos predios, mediante a súa identificación cartográfica e o control dos seus usos.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron a situación actual do proceso de concentración parcelaria da zona de San Pedro de Outes e San Miguel de Valadares, que actualmente se atopa en fase de acordo firme. Así, o director xeral transmitiulle que se está levando a cabo a revisión cartográfica desta zona debido á da entrada en vigor da reforma das leis hipotecaria e do catastro inmobiliario, que introduce unha serie de modificacións polas que non se podía efectuar a inscrición rexistral dos títulos de propiedade da zona tal e como figuraban, de aí a necesidade da súa revisión.

Finalmente, o director xeral informou ao rexedor da posibilidade de crear no seu municipio unha aldea modelo, que permitiría protexer aos núcleos habitados do avance dun incendio forestal á vez que se crea actividade agrogandeira nesas faixas secundarias. Sobre isto, o alcalde mostrouse interesado nesta figura pioneira e comprometeuse a estudar unha posible iniciativa neste concello coruñés.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/10/2019