A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no río Artes ao seu paso polo concello de Ribeira

Augas de Galicia leva a cabo estes traballos no treito interurbano deste río no seu percorrido pola parroquia de San Martiño de Oleiros

Esta intervención intégrase nas actuacións de Augas de Galicia no ámbito da bioenxeñería, que inclúen a protección e estabilización de noiros con elementos naturais e acadar unha mellor estrutura no conxunto de vexetación de ribeira

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de realizar as actuacións de limpeza e conservación no río Artes, ao seu paso polo concello de Ribeira.

Estes traballos céntranse no treito interurbano deste río, no seu percorrido pola parroquia de San Martiño de Oleiros, no lugar de Oleiros.

Trátase de tarefas de mantemento na contorna do río e intégranse nas actuacións de Augas de Galicia no ámbito da bioenxeñería, nos que se inclúen a protección e estabilización de noiros con elementos naturais. Deste xeito, nos traballos de mantemento realizándose rareos e fixéronse labores para despexar a plantación de herbáceas que afectaban ao desenvolvemento das estacas. Tamén se acometeu a reposición nas plantacións realizadas para favorecer o desenvolvemento do estrato arbóreo e arbustivo, co obxecto de acadar unha mellor estrutura e complexidade no conxunto de vexetación de ribeira.

O organismo hidráulico da Xunta desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Centro e as súas zonas de acceso e protección.

Mediante este tipo de actuacións, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/10/2019