A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu á reunión do Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios e á Conferencia Sectorial de Pesca
Galicia traslada ao Estado a necesidade de evitar que os novos aranceis lastren a competitividade dos produtos da pesca nos Estados Unidos

A conselleira do Mar destaca que as exportacións galegas de peixes e mariscos frescos e transformados ao mercado norteamericano roldan os 40 millóns de euros anuais pola venda dunhas 5.500 toneladas

O Executivo galego levou a Madrid unha proposta de real decreto con medidas transitorias para que a frota de bandeira británica e capital galego que faena no Gran Sol siga operando con normalidade nos portos galegos tralo brexit

A Xunta insiste en demandar que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca inclúa axudas para a mellora da habitabilidade dos buques co obxectivo de favorecer o relevo xeracional no sector
 

Madrid, 7 de outubro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ao Consello Consultivo de Pesca para Asuntos Comunitarios e á Conferencia Sectorial de Pesca, onde manifestou a preocupación de Galicia ante a pretensión dos Estados Unidos de impoñer novos aranceis ás importacións de produtos como as conservas de peixes e mariscos. A titular de Mar aproveitou o encontro para trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de que nas negociacións entre España e Estados Unidos se chegue a un acordo que evite que esta nova barreira comercial lastre a competitividade das conservas galegas no mercado norteamericano.

As empresas do sector pesqueiro e transformador galego exportan arredor de 5.500 toneladas anuais de produtos a Estados Unidos por importe duns 40 millóns de euros e trátase dun mercado no que o sector estaba a medrar, polo que Rosa Quintana solicitou medidas para mitigar a posible incidencia dunha decisión que suporía aranceis do 25% para produtos como as conservas de polbo ou de mexillón.

Outro asunto que preocupa a Galicia é a incerteza ante o brexit e así o volveu manifestar a conselleira do Mar durante a Conferencia Sectorial de Pesca. Nela, a representante do Executivo galego trasladoulle ao Estado a necesidade de que haxa unha coordinación forte entre o Goberno e as comunidades sobre todo o que ten que ver coa pesca, un dos sectores máis afectados polo divorcio entre o Reino Unido e a UE previsto para o 31 de outubro.

Neste sentido, Rosa Quintana levou a Madrid unha proposta de real decreto coa finalidade de adoptar medidas transitorias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir facendo con normalidade as súas operacións en portos de Galicia como Celeiro, Burela, Ribeira, A Coruña ou Vigo. De non ser posible, explicou, sería preciso que o Estado reforzase as unidades de Aduanas e os Postos de Inspección Fronteiriza (PIF) co obxectivo de non colapsar as descargas nos portos.

Novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

No Consello Consultivo de Pesca, preparatorio para o Consello de Ministros de Pesca da UE da próxima semana, tamén se abordou a situación do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, sobre o que Galicia defendeu o ditame aprobado polo Consello Galego de Pesca. “Seguimos insistindo na necesidade de mellorar a habitabilidade da nosa frota para que haxa unha remuda xeracional. Hai que mellorar as condicións de vida a bordo, o que significa aumentar o tamaño dos barcos, que non ten nada que ver con elevar a capacidade de pesca”, detallou Rosa Quintana, que defendeu a necesidade de habilitar axudas neste sentido e tamén para as empresas transformadoras que aposten pola innovación.

As comunidades tamén analizaron as propostas de cotas de pesca para o mar Báltico, unha zona na que Galicia apenas ten intereses pero que serven como indicador das medidas de xestión que se van adoptar nas pesqueiras de cara ao próximo ano. “Sempre defendemos que as variacións nas cotas non deben ser superiores ao 15%, nin á alza nin á baixa, e imos seguir defendéndoo en favor dunha sustentabilidade social, económica e medioambiental en augas do Atlántico”, salientou a conselleira do Mar en relación á postura que manterá Galicia no decisivo Consello de Ministros de Pesca de decembro.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/10/2019