A Xunta adxudica por 6,3 millóns de euros as obras que transformarán a antiga Delegación de Sanidade na Coruña no Espazo Amizar

Asumirá os traballos a unión das empresas Obras y Servicios Gómez Crespo e Extraco Construccións e Proxectos, que teñen un prazo de 12 meses para executalas

A intervención prevé a recuperación integral de 5.500 metros cadrados do edificio administrativo da rúa Gregorío Hernández para crear un novo espazo público no centro urbano da cidade

No espazo convivirán dependencias administrativas da Xunta cunha oficina de emprego e distintas entidades sen ánimo de lucro

A actuación prevista neste edificio -proxectado en 1971- está deseñada para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar as obras que transformarán a antiga Delegación da Consellería de Sanidade na cidade da Coruña no novo Espazo Público Amizar, por un importe superior aos 6,3 millóns de euros.

Esta intervención prevé a rehabilitación integral do edificio administrativo da Xunta de Galicia situado no centro da cidade -na rúa Gregorio Hernández, esquina coa avenida Peruleiro-, no centro urbano da cidade- e foi adxudicada á unión temporal de empresas Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. - Extraco Construccións e Proxectos S.A.

A actuación ten un prazo de execución de 12 meses, a contar desde o seu inicio.

O novo espazo público Amizar suporá a rehabilitación dunha extensión duns 5.500 metros cadrados para ofrecer mellores servizos e xerar novas oportunidades. A actuación prevista neste edificio -proxectado en 1971- está deseñada para dar resposta ás necesidades e aos diferentes usos aos que se destinarán as instalacións: oficina de emprego, sede de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro e oficinas administrativas da propia Xunta. O edificio contará cun salón de actos de común para todos os usuarios do Espazo Amizar.

Características da intervención

A antiga sede da Consellería de Sanidade é un conxunto formado por un edificio principal destinado no seu día á Xefatura Provincial e composto de dúas pezas, unha prismática de cinco plantas e planta rectangular -que dá fronte á rúa Gregorio Hernández- e outra con planta ovalada e catro plantas que ocupa o interior da parcela. Estas dúas pezas atópanse unidas por unha zona de paso nas diferentes plantas. Estes edificios están en desuso, salvo unha pequena superficie no volume prismático na que se sitúa a Base Medicalizada Terrestre do 061.

Ademais, na parte sur da parcela, existe outro edificio de menor tamaño, de dúas plantas, atopándose a primeira en desuso, mentres que a planta baixa utilízase coma arquivo. Neste edificio situarase a futura sede do 061, que será obxecto dun proxecto independente.

A actuación deseñada desenvolverase no actual solar -de 4.248 metros cadrados-, sen modificar a edificabilidade, e dá resposta á necesidade de albergar varios usos diferentes, no conxunto formado polo edificio prismático e o óvalo. Así, a Oficina de Emprego estará na planta baixa, ao igual que o salón de actos, que terá saída independente. As oficinas da Xunta estarán na planta baixa, 1ª e 2ª. O espazo destinado a entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro estará na planta 3ª, e as instalacións do edificio (como as caldeiras, ou o grupo electróxeno) e o arquivo, irán na planta -1.

As obras previstas modificarán os núcleos de comunicación vertical e os accesos; intervirán no patio interior, mellorando a entrada de luz e a permeabilidade visual, e suporán tamén a reforma da fachada, de forma que proxecte unha imaxe renovada do conxunto, así como unha mellora da eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/10/2019