O conselleiro do Medio Rural asistiu en Betanzos á sinatura do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida Carne de Vacún de Galicia e Vegalsa Eroski
A Xunta destaca a cooperación na cadea de valor como fórmula para mellorar a calidade dos produtos agroalimentarios

José González puxo en valor este bo entendemento entre produtores e distribución en beneficio de todo o agro galego

O acordo céntrase en fomentar o coñecemento e o consumo da carne de vacún certificada baixo o amparo desta IXP entre as asociacións, institucións e consumidores en xeral, e entre os clientes de Vegalsa-Eroski en particular
 

Betanzos (A Coruña), 8 de outubro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe ao acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Carne de Vacún de Galicia e Vegalsa-Eroski.

Alí, destacou que o futuro do agro galego pasa, entre outras cousas, pola cooperación e pola calidade. En relación co primeiro destes factores, falou da importancia da colaboración “entre todos os elos da cadea: agricultores e gandeiros, cooperativas, empresas transformadoras e vendedoras, consumidores e clientes”. Con respecto á calidade, reiterou a mensaxe de que “falar de Galicia é falar de calidade” e viceversa. Ademais, destacou que é preciso “apostar polos nosos produtos, porque ningún outro lugar ten mellor materia prima que a nosa”.

Así mesmo, o conselleiro salientou o compromiso do grupo Vegalsa-Eroski e da IXP Carne de Vacún de Galicia co rural galego que, dixo, repercute en “mellorar a calidade de vida no agro e na competitividade das empresas”.

O acordo subscrito hoxe no Eroski Center de Betanzos céntrase en fomentar o coñecemento e o consumo da carne de vacún certificada baixo o amparo desta IXP entre as asociacións, institucións e consumidores en xeral, e entre os clientes de Vegalsa-Eroski en particular.

Compromisos das partes

Así, entre outros compromisos, a Indicación Xeográfica Protexida asume o de facilitar a súa imaxe corporativa aos establecementos da devandita empresa de distribución e tamén o de incluílos na súa base de datos de puntos de venda. Pola súa parte, Vegalsa-Eroski dará un pulo á comercialización deste produto amparado, tanto en Galicia como en Castela e León e Asturias, e comprométese a entregar nos seus establecementos comerciais a imaxe corporativa da IXP con fins informativos, para facilitar a diferenciación desta carne de calidade.

A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega é líder nacional na produción de carne de calidade diferenciada. No último exercicio, incrementou nun 3,4% tanto a súa cifra de negocio –ata chegar aos 122 millóns de euros– como o volume de carne certificada, que superou as 21.000 toneladas.

Pola súa banda, Vaca Galega / Boi Galego avanza tamén cara a súa consolidación nos diferentes mercados, con bos rexistros, tanto de número de explotacións inscritas con actividade (son xa 683) como de cabezas (superan as 8.500) e de carne certificada (138 toneladas).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/10/2019