A Xunta expón na Semana Europea das Rexións a Estratexia de Hubs de innovación para apoiar as pemes na transformación dixital

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Bruxelas nun taller centrado no papel das rexións no apoio ás pequenas e medianas empresas no reto da nova revolución industrial

Nestes momentos estanse a constituír dous hubs en Galicia que estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro e ao uso do big data nas ciencias da vida

Bruxelas, 8 de outubro de 2019

A Axencia Galega de Innovación (Gain) organizou esta mañá no marco da 17ª edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades en Bruxelas un taller onde se debateu sobre como as rexións, e especialmente os Hubs de Innovación Dixital, poden apoiar ás pemes no acceso ás tecnoloxías dixitais para enfrontarse ao reto da nova revolución industrial.

Na súa intervención, Patricia Argerey, directora de Gain, presentou a Estratexia galega de Hubs de Innovación Dixital, un novo instrumento, impulsado pola Xunta que, a través dun modelo de colaboración público-privado aberto, agrupa a todos os axentes do ecosistema de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia co obxectivo de mellorar a competitividade da economía galega. Actualmente estanse a constituír dous Hubs que estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como a internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida.

De cara ao futuro, sinalou que a Estratexia busca establecer sinerxias que trascendan o ecosistema galego de innovación e que faciliten a participación das empresas, centros tecnolóxicos e de investigación e do resto de axentes en plataformas e iniciativas de cooperación transnacional para promover a internacionalización do sistema de I+D+i e posicionar a Galicia de cara á futura Rede europea de Hubs de Innovación Dixital.

No taller exploráronse precisamente xeitos de aumentar o impacto territorial destas iniciativas, especialmente a través dun uso innovador de fondos europeos. Destacou a participación de Max Lemke, xefe de Unidade de Tecnoloxías e Sistemas para Dixitalizar a Industria da Comisión Europea, responsable destas plataformas.

A Semana Europea das Rexións

Como cada ano desde 2003, o Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), organiza en Bruxelas a denominada ‘Semana Europea das Rexións e das Cidades’. Esta 17ª edición da EWRC, que se está celebrando do 7 ao 10 de outubro, leva por título “As rexións e as cidades, alicerces do futuro da UE”.

Data de actualización: 08/10/2019