A conselleira de Política Social reúnese co alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo
Fabiola García destaca a cordialidade e lealdade institucional na relación co Concello de Santiago

A conselleira tamén abordou co rexedor compostelán a construción da residencia pública de maiores que financiará a Fundación Amancio Ortega e cuxas obras se iniciarán no primeiro semestre do ano 2020

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a cordialidade, o espírito de lealdade e colaboración institucional que presidiu a súa reunión co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Puxo de manifesto que hai un nivel de sintonía “moi elevado” entre ambas as dúas administracións, que se emprazaron a seguir traballando xuntas para mellorar as actuacións en materia social na capital galega.

Fabiola García relatou que un dos aspectos tratados na xuntanza foi a mellora da atención ás persoas máis vulnerables de Santiago de Compostela. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello presentouse ás liñas de axudas da Xunta para actuacións con persoas inmigrantes, xitanas e en risco de exclusión, unhas subvencións que se resolverán nas vindeiras semanas.

Así mesmo, o alcalde e a conselleira conversaron sobre a residencia pública de maiores que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega na capital de Galicia, e que creará 120 novas prazas públicas de atención á dependencia e 115 novos postos de traballo cun investimento de 12 millóns de euros. Neste momentos estase a traballar no proxecto básico e de execución destas obras que se iniciarán previsiblemente no primeiro semestre do ano 2020.

Cegadi

Outro dos asuntos que abordaron durante o encontro foi a situación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade (Cegadi). A conselleira manifestou que o Goberno galego segue a espera de que o Executivo central cumpra co seu compromiso de crear un centro residencial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/10/2019