Aberta a inscrición para participar no campo de voluntariado transfronteirizo na Eurocidade Chaves-Verín

O obxectivo principal desta iniciativa é promover a inmersión cultural e etnográfica a través das novas tecnoloxías

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre a inscrición para participar no campo de voluntariado transfronteirizo, posto en marcha no marco do proxecto europeo Eurocidade_2020 aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP).

Trátase dunha iniciativa destinada a mozas e mozos galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e que ten como finalidade promover a inmersión cultural e etnográfica a través das novas tecnoloxías. O obxectivo é crear sinerxías entre os mozos e mozas de Galicia e o Norte de Portugal co fin de que xurdan novas oportunidades na zona transfronteiriza Chaves-Verín, apoiar o desenvolvemento desta área a través da tecnoloxía e dinamizala a través de programas con valor social.

Entre as tarefas que se van levar a cabo, atópase a creación dunha web-app promocional e rutas virtuais que potencien o turismo medioambiental na zona. Tamén se elaborará un vídeo para a difusión da Eurocidade a partir do aprendido no campo de voluntariado. Ademais, desenvolveranse actividades complementarias como visitas turísticas, obradoiros, rutas de sendeirismo e veladas nocturnas.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 23 deste mes de outubro, pode realizarse a través do formulario electrónico á disposición de todos os interesados na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A inscrición realizarase por estrita orde de reserva de praza e aqueles que fosen seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.

Proxecto Eurocidade_2020

O proxecto Eurocidade_2020, aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sostible.

Socios/as do proxecto Eurocidade_2020: AECT Eurocidade Chaves-Verín; Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; Fundación Galicia Europa; Instituto Portugués do Desporto e Juventude (IPDJ); Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesa (FNAJ); Concello de Verín e Municipio de Chaves.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2019