Arrincan as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio compostelán de Conxo, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun prazo de execución de 9 meses, e nas primeiras semanas os traballos se centrarán na renovación e reposición de servizos de electricidade e saneamento

As obras no núcleo de Conxo de Abaixo permitirá reordenar o itinerario, mellorando a mobilidade peonil ao priorizar a peregrinos e veciños sobre o tráfico rodado, reducindo o tránsito de vehículos entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía

Entre as intervencións destaca a actuación singular na praza fronte ao mosteiro de Santa María para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público, converténdoo nun pequeno “ Obradoiro” de acollida de peregrinos e veciños

Esta praza se prolongará ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde, mantendo os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación
 

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de arrincar este mes de outubro as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, no Concello de Santiago, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

Esta actuación no barrio histórico de Conxo enmárcase no ámbito do Camiño de Santiago e foi adxudicada á empresa Explotaciones Gallegas S.L, que durante as primeiras semanas se concentrarán nas tarefas de renovación e reposición dos servizos, fundamentalmente de electricidade e saneamento.

As obras teñen un prazo de execución de 9 meses, desde o seu inicio.

Os traballos no núcleo de Conxo de Abaixo suporá unha reordenación do itinerario desta ruta, mellorando a mobilidade peonil ao priorizar a peregrinos e veciños do lugar sobre o tráfico rodado, reducindo o tránsito de vehículos entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía.

Entre as actuacións proxectadas neste barrio histórico compostelán destacar a intervención na praza fronte ao mosteiro de Santa María, para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público. Deste xeito, as obras permitirán dotar a Conxo dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro.

A intervención nesta praza despexará entorna coa fin prioritaria de propiciar unha grande praza, homoxénea e continua. Para iso, o proxecto unifica o nivel das dúas entradas principais do mosteiro, a da igrexa e a do hospital.

Configúrase así unha praza, que se estende ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde. Mantéñense os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación, pero despéxase o resto da praza o que permite poñer en valor a fachada do mosteiro.

Reordénanse as prazas de carga e descarga e a parada do autobús, e se incorpora mobiliario urbano. O pavimento será homoxéneo e se estenderá ata os rueiros veciños.

Xa fóra da praza, reordénase a sección da rúa Benéfica para asegurar un paso mínimo de 3 metros para o tránsito do peregrino, configurándose unha senda na que se disporá novo arborado.

Na Travesía de Torrente ata a rúa da Escurridía, o proxecto considera o mantemento xeral da sección e o pavimento existente, reparando o danado ou inadecuado.

Esta actuación enmárcase no proxecto para mellorar as entradas das diferentes rutas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021, facendo que sexan claramente visibles e identificables, ao tempo que favorece o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2019