Román Rodríguez agradece a contribución do mundo académico ao estudo do Camiño ante reitores de 25 universidades de 9 países

O conselleiro de Cultura e Turismo inaugurou o Encontro Internacional de Reitores no que participa unha trintena de representantes de países europeos e americanos

Destacou a relación entre a Ruta Xacobea e as institucións académicas como “transmisoras” dos valores que caracterizan a sociedade europea

O evento desenvolverase ata o venres e incluirá actividades académicas, visitas culturais, degustacións e un percorrido polo Camiño de Inverno na Ribeira Sacra

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou a contribución do mundo académico ao estudo da Ruta Xacobea durante o acto de apertura do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago, un evento organizado pola Xunta e o Grupo Compostela Universidades que reunirá desde hoxe ata o venres a máis de 32 representantes institucionais dos órganos de goberno de 25 universidades de nove países europeos e americanos.

A celebración deste encontro responde ao interese común por difundir os valores do Camiño e promover sinerxías entre universidades nacionais e internacionais. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo destacou a relación entre a Ruta Xacobea e as institucións académicas como “transmisoras” dos valores que caracterizan a sociedade actual. “Europa naceu nas universidades e estendeuse peregrinando a Compostela”, engadiu durante o transcurso do acto no que tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski.

A programación deste evento contempla a celebración de diferentes actividades que teñen como obxectivo estreitar lazos entre a educación superior e o Camiño de Santiago e deseñar novas iniciativas que favorezan o desenvolvemento sustentable dos distintos itinerarios. Así, a cita inclúe unha vertente académica con actividades como mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de expertos entre os que destaca a xefa de Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo.

Antesala do Xacobeo 21


O encontro complétase con visitas culturais e académicas, degustacións de produtos galegos e un percorrido polo Camiño de Inverno na contorna da Ribeira Sacra. Precisamente, durante a xornada do venres, está prevista a sinatura da Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, un documento que deixará patente a vontade dos participantes de seguir traballando a prol da mellora da educación superior.

Segundo Román Rodríguez, esta cita será unha “oportunidade única” para promover a reflexión e o desenvolvemento sustentable do Camiño de Santiago nun ámbito como a educación superior coa ollada posta no próximo Xacobeo 21. De feito, explicou que este encontro representa algúns dos valores recollidos no Plan Estratéxico do Ano Santo, como son a aposta por unha celebración sustentable, hospitalaria, multicultural e integradora.

Mostra do carácter internacional da Ruta Xacobea, engadiu o conselleiro de Cultura e Turismo, é que no que vai de ano recibiu peregrinos de 186 países, polo que destacou a necesidade de “reivindicar o espírito xacobeo” como símbolo de hospitalidade, diversidade e intercambio cultural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2019