A Estratexia da Xunta a prol do viño galego reforzará a súa promoción e imaxe de marca vinculada ao territorio e o turismo

José González sinalou que esta planificación permitirá dinamizar este eido produtivo e os territorios das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viño da nosa comunidade

A medida, impulsada entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura e Turismo e do Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega, mobilizará fondos para que sexa o propio sector o que decida o seu futuro

O conselleiro cualificou como “unha mala noticia” a posible imposición de aranceis ao viño galego por parte de Estados Unidos, pero matizou que a Xunta e o sector traballan dende o minuto un para buscar solucións a esta eventualidade

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou esta tarde no pleno do Parlamento os obxectivos fundamentais da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. En resposta a unha pregunta sobre o tema, destacou que esta iniciativa quere darlle pulo “a un sector fundamental para a cohesión do medio rural galego”, como é o do viño.

O conselleiro puxo en valor os principais datos deste eido produtivo, que xunta máis de 13.000 viticultores, máis de 460 adegas, arredor de 9.000 hectáreas de superficie cultivada e por riba dos 60 millóns de quilos de uva anuais producidos. Puxo en relación estas cifras coa calidade que distingue os nosos viños, que definiu ademais como “grandes embaixadores” desa excelencia.

Esta estratexia, desenvolvida mediante a cooperación entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura e Turismo e do Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega, permitirá, segundo indicou José González, que “sexa o propio sector o que decida o seu futuro”. A iniciativa mobilizará un total de 748.000 euros a prol do sector vitivinícola galego e dos territorios das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) e das catro indicacións xeográficas protexidas (Val do Miño, Betanzos, Barbanza e Iria, Ribeira do Morrazo).

Desenvolvemento integrado

O conselleiro do Medio Rural explicou que a finalidade desta estratexia é lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado que conte coa participación de todos os axentes clave do territorio. Ao tempo, a estratexia persegue mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia da promoción e comercialización en conxunto de produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola. En relación con estes últimos, trátase sobre todo de desenvolver produtos turísticos dirixidos a segmentos xeradores de valor engadido nos espazos rurais, que á súa vez redunde nun fortalecemento das economías locais.

Ao tempo, José González trasladou que se atenderán as particularidades específicas de cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, tanto no eido produtivo, industrial, de comercialización e mesmo territorial, reforzando a súa relación co sector turístico e o aproveitamento dos recursos do seu patrimonio cultural e paisaxístico.

Ademais, toda esta estratexia, reiterou o conselleiro, reforza a imaxe de marca global cunha promoción conxunta baixo o selo Galicia Calidade, de forma que –advertiu– “conseguiremos unificar os nosos viños, respectando as súas diferencias, que os fan únicos”.

Finalmente, José González sinalou que outros aspectos que se abordarán coa estratexia serán a innovación e a formación, na procura da remuda xeracional e o reforzo da calidade das producións, así como da calidade paisaxística e a sustentabilidade, en definitiva, da Galicia verde e innovadora.

Posibles aranceis ao viño

En relación coa posible imposición, por parte de Estados Unidos, de aranceis aos produtos agroalimentarios e nomeadamente ao viño, o conselleiro advertiu que esta decisión “é unha mala noticia, que vai a contracorrente dun contexto económico internacional de libre mercado”.

Sen embargo, sinalou tamén que “a Xunta e a industria galega non perderon nin un minuto” ao coñecer esta nova e xa traballan para buscar saídas a esta situación e para poñer a disposición do sector todas as ferramentas de apoio coas que conta. Ademais, engadiu, estase a avaliar, xunto cos consellos reguladores, o peso das exportacións a aquel país dos produtos galegos de calidade diferenciada, incluído o viño.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/10/2019