A Xunta destaca a importancia de que haxa sinerxías entre os distintos subsectores para que o complexo mar-industria medre
O Grove (Pontevedra), 10 de outubro de 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe a importancia de que os distintos subsectores do complexo mar-industria de Galicia se apoien entre eles e colaboren para que a comunidade siga mellorando e manteña o primeiro posto no ámbito pesqueiro e acuícola. Así o fixo durante a inauguración do XXII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, onde agradeceu aos seus organizadores o traballo desenvolvido nos últimos anos para poñer en contacto aos sectores investigador e produtor coa Administración pública, algo que contribúe á dinamización dun sector tan importante para a economía galega como é o sector acuícola.

A representante da Consellería do Mar destacou que esta nova edición do foro presta unha especial atención ao brexit pero desde unha visión ampla, cunha perspectiva global. “Porque non estamos nun mundo compartimentado, senón globalizado, no que as relacións entre as diferentes áreas de actividade humana se cruzan e onde é bo buscar as sinerxías que nos axuden a afrontar problemas comúns”, subliñou Mercedes Rodríguez. Sobre o resto de asuntos que abordará o encontro, salientou a acuicultura de peixes e moluscos, en especial o mexillón, cuestións biolóxicas sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros e algunhas medidas de xestión e o impacto que teñen na actividade como é o caso da obriga de desembarque.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/10/2019