Díaz Mouteira invita aos colexios da provincia a sumarse este curso ás actividades do plan Proxecta

A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou o CEIP Vicente Risco de Cualedro que é un dos 80 centros que participaron nalgún dos 43 programas deste programa

Trátase de avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos

Cualedro (Ourense), 10 de outubro de 2019

A delegada terrritorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o CEIP Vicente Risco, en Cualedro, un dos 80 centros de ensino ourensáns que participaron o curso pasado nas actividades do plan Proxecta e aproveitou para animar a toda a comunidade educativa da provincia a implicarse nesta iniciativa durante o presente curso. Concretamente, ao abeiro deste plan o colexio de Cualedro desenvolveu tres programas: Aliméntate ben, “PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables) e Paisaxe e Sustentabilidade.

Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Luz Fernández Quintas, compartiu co alumnado as actividades relacionadas co reciclaxe organizadas polo centro e incluídas no plan Proxecta co obxectivo de concienciar aos escolares sobre o coidado do medio ambiente e das prácticas cotidiás que poden facer para a súa conservación. A representante do Goberno galego avaliou positivamente o desenvolvemento destes obradoiros que inciden na importancia da reciclaxe e a educación ambiental e indicou que “é de vital importancia educar aos máis pequenos, para lograr que as xeracións do futuro teñan un comportamento responsable”.

O Plan Proxecta é unha iniciativa do departamento autonómico de Educación, dirixido por Carmen Pomar, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Pendentes de que se resolva a convocatoria deste ano, cómpre subliñar que durante o pasado curso, ao abeiro do Proxecta, en Ourense 16.641 escolares xunto con 1.150 profesores desenvolveron 167 proxectos diferentes nalgún dos 43 programas que compoñen esta iniciativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019