A Xunta aproba a nova estrutura organizativa das áreas e distritos sanitarios que potenciará a atención primaria con máis autonomía e capacidade de decisión

Feijóo subliña que a nova regulación permitirá unha maior adaptación ás actuais necesidades asistenciais

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, da aprobación dos decretos que regulan as áreas e distritos sanitarios, a estrutura organizativa da Consellería de Sanidade e a estrutura organizativa do Sergas.

Unha nova regulación que, tal e como explicou, permitirá unha maior adaptación ás actuais necesidades asistenciais e responderá aos compromisos adquiridos para potenciar a atención primaria con máis autonomía e máis capacidade de xestión.

Para tal fin establecerase unha estrutura directiva diferenciada entre a atención primaria e a atención hospitalaria para, sen perder a coordinación en materia asistencial, abordar de xeito específico as necesidades concretas dos centros de saúde. Deste xeito, cada unha das áreas de saúde contará cun director de atención primaria e cun director de atención hospitalaria. Tamén se contempla a creación dunha dirección de enfermería e outra de procesos de soportes.

De igual modo e para seguir reforzando o papel da atención primaria, Feijóo sinalou que se creará unha Comisión de Atención Primaria da área sanitaria, na que estarán todos os xefes de servizo ou coordinadores de todas as unidades de atención primaria e que serán convocados polo xerente da área sanitaria para concretar cuestións como o plan estratéxico, os obxectivos e os plans económicos, o equipamento e recursos humanos e propoñer e detectar as oportunidades de mellora.

Con respecto á estrutura das áreas sanitarias, increméntase a participación dos cidadáns coa creación de órganos colexiados do Consello Asesor de Pacientes de Área e do Consello de dirección da Área en cada unha das áreas sanitarias. Deste Consello de dirección formarán parte catro vogais representantes de concellos da área sanitaria, que serán designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

En relación á modificación da estrutura do Sergas, Feijóo indicou que se creará, por unha banda, unha Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía e unha Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación. E, por outra banda, na Dirección Xeral de Recursos Humanos crearase unha Subdirección Xeral de Desenvolvemento Profesional e un Servizo de Planificación Normativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019