A Xunta e a USC elaborarán un plan estratéxico para que a PAC 2021-2027 inclúa elementos de especial relevancia para o sector agrogandeiro galego como o Plan forestal e a agricultura ecolóxica

Salienta que Galicia presentará ao Goberno central unha proposta da PAC con aliados na cornixa cantábrica, como Asturias, Cantabria e o País Vasco

"A idea é buscar a viabilidade das explotacións agrogandeiras coas especificidades que teñen", sinala

Resalta tamén a aprobación do proxecto de Decreto para regular o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta e a Universidade de Santiago elaborarán un plan estratéxico para que a PAC 2021-2027 inclúa elementos de especial relevancia para o sector agrogandeiro galego como o Plan forestal e a agricultura ecolóxica.

“Imos presentar ao Goberno central a nosa proposta estratéxica da PAC para Galicia con aliados na cornixa cantábrica. Aliados como Asturias, Cantabria e o País Vasco”, salientou Feijóo, e detallou que, a tal efecto, a Xunta vai asinar un convenio coa Universidade de Santiago para elaborar o Plan estratéxico da PAC en Galicia horizonte 2030.

Feijóo salientou que para iso crearase un grupo de traballo multidisciplinar formado por persoal da Consellería do Medio Rural e da USC, establecéndose 5 subgrupos que incluirán os ámbitos relativos aos 9 obxectivos da PAC para o próximo período 2021-2027, e que xirarán arredor da modernización do sector agrario.

“A idea é buscar a viabilidade das explotacións agrogandeiras coas especificidades que teñen”, dixo, ao que engadiu que o plan estratéxico incluirá unha serie de iniciativas de gran peso para a comunidade como: o Plan estratéxico para o sector lácteo; a ordenación e mobilización produtiva das terras agroforestais; o Plan forestal de Galicia; a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia; e o Plan estratéxico galego de agricultura ecolóxica.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse a aspectos como a necesidade de potenciar o papel da muller no rural. Non en van, Galicia está moi por riba da media estatal por número de titulares mulleres de explotacións, cunha porcentaxe do 50%, moi superior ao 22,6% do conxunto nacional, sendo a primeira comunidade de España neste parámetro.

Por outra banda, e co afán de seguir traballando por unha Galicia máis verde, o presidente da Xunta destacou a preocupación da Comunidade en relación ao cambio climático. Ao respecto, subliñou a importancia de aproveitar o paraugas que ofrecen os eco-esquemas, como ferramentas incentivadoras creadas na nova PAC para ir cara a un panorama máis sustentable. O obxectivo final, afirmou, é que o respecto ambiental “non supoña un sobrecusto para os produtores”.

"Esta é a proposta na que estamos traballando e que presentaremos ao Ministerio de Agricultura para que Galicia fale con argumentos ante as grandes decisións que imos tomar no ano 2021”, resumiu.

Decreto para regular a conservación e explotación dos recursos marisqueiros

No eido do mar, Feijóo resaltou tamén a aprobación do proxecto de Decreto para regular o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros de Galicia, co obxectivo de actualizar a normativa e reforzar as bases técnicas e biolóxicas da xestión dos recursos.

Logo de lembrar que Galicia conta na actualidade con 9.000 familias –unhas 4.000 con permex de marisqueo a pé e outras con permex de marisqueo desde embarcación-, o titular da Xunta aseverou que con este novo texto establecerase a gobernanza dos recursos marisqueiros mediante un novo concepto de plans de xestión con obxectivos –tanto biolóxicos como ecolóxicos e socioeconómicos- a tres anos.

O decreto establece que nos próximos anos se prorrogarán tanto o Plan xeral de explotación marisqueira de 2019 como os plans de xestión para recursos específicos deste ano, co obxectivo de que o primeiro plan de xestión trianual de marisqueo de recursos xerais sexa o do período 2021-2023 e que o primeiro de recursos específicos sexa o dos anos 2022-2024.

Non obstante, e co obxectivo de responder a novas iniciativas do sector produtor –como a xestión de novos recursos, novas zonas principais de traballo ou o emprego de novas técnicas ou artes regulamentarias—, Feijóo precisou que poderán aprobarse novos plans de xestión de vixencia inferior a tres anos, o que permitirá determinar a súa viabilidade antes de que sexan incorporados como plans trianuais.

En canto aos permisos de explotación para marisqueo a pé, estes seguirán tendo carácter anual, mentres que as modalidades de recursos específicos desde embarcación terán carácter trianual, prorrogándose os renovados neste ano ata que comece a aplicarse o primeiro plan trianual.

Nesta liña, e co obxectivo de favorecer a renovación dos permisos de explotación para o marisqueo a pé ante situacións que os profesionais non poden prever ou evitar, computaranse os períodos que a persoa estivo inactiva por causa debidamente xustificada, non limitándose ás causas de forza maior. E, como causa xustificada de inactividade recoñécese, por exemplo, o tempo empregado en labores de representación de postos de dirección das confrarías e federacións de confrarías.

O documento prevé ademais a posibilidade de autorizar a actividade extractiva en situacións extraordinarias e datas de celebración sinaladas, en Semana Santa ou no mes de decembro, co que se podería permitir a extracción en sábados ou festivos sempre que esa posibilidade se recolla no plan de xestión correspondente.

“Esta é unha norma que mellora o marisqueo, trátase dun traballo con vocación de contar con todas as partes. Por iso, reunímonos co sector, está dispoñible na web de transparencia e a mesma a vontade de acordo está guiando a aprobación definitiva”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019