A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou hoxe na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais
Galicia incrementa nun 11% os fondos para entidades sociais procedentes do 0,7% do IRPF

A Xunta repartirá este ano 13,9 millóns de euros entre as entidades do terceiro sector para levar a cabo investimentos ou desenvolver programas de apoio ás persoas que máis o necesiten

Reitera ao Executivo central a esixencia de que cumpra co seu compromiso de poñer en marcha a zona residencial do Centro galego para o desenvolvemento integral para as persoas con discapacidade (Cegadi)

Madrid, 10 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou hoxe de que Galicia disporá este ano dun 11% máis de fondos procedentes do 0,7% do IRPF. En total, serán 13,9 millóns de euros que serán distribuídos ás entidades sociais para realizar investimentos ou desenvolver programas de atención a quen máis o necesita. Fixo este anuncio trala reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e a Atención para a Dependencia (SAAD), na que se conseguiu desbloquear o novo reparto destes fondos.

Fabiola García lamentou que a cita, á que estaban convocados todos os conselleiros das comunidades autónomas, non fose presidida pola ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Maria Luisa Carcedo, que tiña prevista a súa asistencia a unha conferencia en Francia. Aínda así, destacou que por fin se puidese sacar adiante co voto favorable de Galicia o reparto do IRPF, que levaba tempo paralizado. Isto permitirá ás entidades sociais de Galicia contar con 1,4 millóns de euros máis para levar a cabo o seu importante labor.

Cos 13,9 millóns de euros que lle corresponden a Galicia, a Xunta financiará accións de inclusión social, iniciativas de apoio ás persoas maiores e con discapacidade, programas dirixidos á infancia e á mocidade, intervencións de loita contra a violencia de xénero e para o fomento da igualdade e actuacións de prevención e atención a persoas con trastornos aditivos.

Cegadi

A conselleira aproveitou este Consello Territorial para trasladar o malestar de Galicia polos incumprimentos do Goberno central co Centro galego de desenvolvemento integral para persoas con discapacidade (Cegadi), emprazado en Santiago de Compostela. Ao respecto, demandou a necesidade urxente de que se poña en marcha a zona residencial deste equipamento, un compromiso que o Imserso asumiu en abril de 2017 e que segue sen materializarse.

Ademais, Fabiola García esixiulle ao Goberno central que cumpra co 50% do financiamento dos servizos e prestacións de atención á dependencia, tal e como contempla a lei estatal nesta materia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/10/2019