O director xeral de Desenvolvemento Rural participou esta mañá en Lugo na clausura do seminario sobre novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no agro
A Xunta enxalza o uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida e o traballo dos cidadáns das zonas rurais

A Consellería do Medio Rural, a través da iniciativa europea Leader, aposta pola alfabetización dixital para eliminar as disimetrías entre o urbano e o rural

Lugo, 10 de outubro de 2019

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, participou esta mañá na clausura do seminario sobre novas tecnoloxías no agro onde destacou que o uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) permite mellorar a calidade de vida e traballo dos cidadáns das zonas rurais de Galicia, fortalecendo a creación de valor engadido na economía rural.

Neste senso, Pérez Dubois sinalou que o emprego das TIC é clave para conseguir unha cohesión territorial e reforzar a vertebración económica e social ao mellorar a competitividade das empresas e servizos ubicados no rural galego. Un obxectivo que tamén persegue a Consellería do Medio Rural e que incorpora ao agro a través da iniciativa europea Leader.

Así, Pérez Dubois salientou que a través deste programa europeo preténdese impulsar proxectos que equilibren as diferenzas entre o urbano e o rural, creando servizos que superen o illamento xeográfico e permitan aumentar a interacción social. Neste sentido, o director xeral agradeceu ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 4 Comarca de Lugo, organizador deste seminario, por apostar polo uso das TIC e puxo en valor diversos proxectos que recibirán axudas Leader a través deste grupo e que favorecerán o impulso e dinamización do rural de Galicia mediante o uso destas tecnoloxías.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 10/10/2019