A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na clausura da xornada ‘Mulleres traballadoras na pesca en Galicia’
A Xunta salienta a necesidade de seguir traballado no sector pesqueiro para lograr a igualdade entre homes e mulleres

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca os máis de 25 anos de labor do Executivo galego en favor da profesionalización e dos dereitos das mulleres no eido marítimo-pesqueiro

A Consellería do Mar lembra os avances acadados en facer visible o papel das profesionais do mar e en aumentar a conciencia social sobre a súa aportación ao sector así como a aposta polo asociacionismo e o emprendemento

Vigo, 10 de outubro de 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, salientou hoxe o traballo realizado pola Xunta desde hai máis de 25 anos en favor da profesionalización e dos dereitos das mulleres do mar, pero asegurou aínda queda camiño por andar e que se debe seguir nesta liña para evitar a discriminación e garantir que as mulleres desfrutan do mesmo salario, dereitos, prestacións e seguros que os homes.

A representante da Consellería do Mar destacou durante a súa participación na clausura da xornada Mulleres traballadoras na pesca en Galicia: loitando cara a igualdade de oportunidades a importancia de seguir dedicando esforzos a este obxectivo. Neste sentido, lembrou que o Executivo galego contribuíu a facer visible o papel das profesionais do mar e a aumentar a conciencia social sobre a importancia da súa aportación ao sector. Tamén salientou o reforzo da participación efectiva das mulleres nos órganos consultivos, decisorios e representativos e o fomento do asociacionismo ou a promoción do emprendemento.

Susana Rodríguez asegurou que é preciso seguir traballando na promoción de accións encamiñadas a recoñecer a cualificación das mulleres e lembrou que o 2018 foi un ano importante para as reivindicacións das mulleres do eido marítimo. “Galicia converteuse en 2018 no porto base da creación da gran rede mundial de mulleres do mar e pasará á historia da pesca como o ano no que celebramos o I Congreso Internacional de Mulleres da Pesca, tamén en Galicia”, subliñou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Ese congreso abordou a realidade da presencia da muller en todos os elos da cadea mar-industria, con presencia maioritaria nos sectores marisqueiro, redeiro ou conserveiro pero con presencia aínda escasa nos cadros directivos empresariais e na pesca extractiva.

Obxectivos da xornada


A representante da Xunta agradeceu á Universidade de Vigo a organización desta xornada para facer balance do papel que desenvolveu e que está a desenvolver a muller no sector marítimo-pesqueiro galego e felicitou ás profesionais do mar polo seu exemplo. “Facedes posible que o sector da pesca en Galicia se escriba en feminino”, concluíu.

A xornada Mulleres traballadoras na pesca en Galicia: loitando cara a igualdade de oportunidades serviu para analizar a división entre os oficios masculinos e femininos desde o punto de vista xurídico-laboral coa participación de especialistas internacionais e representantes de distintos colectivos, desde redeiras ata mariscadoras ou mesmo unha das poucas patroas de altura que existen en Galicia.

Entre os seus obxectivos estaba facer visible a situación na que se atopan as traballadoras dos oficios feminizados e avanzar en estratexias para mellorar a súa situación profesional así como pór en valor o esforzo realizado por mulleres profesionais que racharon moldes para acceder a oficios masculinizados nos que a presenza da muller é algo excepcional.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/10/2019