A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe en Monforte de Lemos ao pase deste filme
A Xunta destaca a importancia do ocio inclusivo para a mocidade na proxección dun documental sobre o campamento Síntete

A cinta reflicte as actividades realizadas o pasado verán polas nenas, nenos e adolescentes que participaron neste campamento

Monforte de Lemos (Lugo), 10 de outubro de 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á proxección dun documental sobre as actividades realizadas este verán no campamento organizado polo grupo informal Síntete co financiamento da Xunta de Galicia. O filme reflicte as actividades realizadas polas nenas, nenos e adolescentes con discapacidade que participaron nesta iniciativa de ocio inclusivo.

Cristina Pichel destacou que este documental pon de manifesto a importancia que ten ofertar actividades de tempo libre abertas ao desfrute de toda a mocidade, con independencia das súas capacidades. Ademais, apuntou que o ocio é unha ferramenta máis para favorecer a inclusión, así como para que aquelas rapazas e rapaces con limitacións na súa autonomía gañen en autoestima e adquiran habilidades.

O campamento Síntete desenvolveuse entre os días 15 e 20 do pasado mes de xullo con actividades que se levaron a cabo nos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, Sober e Muxía. Os participantes desfrutaron dun amplo programa de ocio, que lles permitiu practicar surf terapéutico, visitar o balneario Oca Augas Santas, pasear a cabalo ou participar en obradoiros de musicoterapia, entre outras propostas.

Data de actualización: 10/10/2019