O presidente da Xunta mantivo esta mañá unha reunión co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas
A Xunta reclama medidas para unha transición enerxética xusta e gradual, que facilite a reactivación da central térmica das Pontes e que poida completar a súa adaptación ordenada

Valora a dispoñibilidade de Endesa a participar nunha mesa de traballo coas distintas administracións e buscar conxuntamente alternativas para que a central siga sendo competitiva

Fronte a un peche abrupto defende que se facilite desde o Goberno central unha transición enerxética real, que sirva para xerar novos proxectos, consolidar os postos de traballo e contar con novas oportunidades para a comarca

Insiste na necesidade de reactivar a central para poder abordar unha transición real, no marco europeo e cos fondos comunitarios previstos, para non ocasionar un impacto social irreparable

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe na necesidade de impulsar novas medidas para abordar de forma máis eficaz a transición enerxética, co obxectivo de que esta poida levarse a cabo de forma xusta e gradual. Na súa opinión, isto facilitaría a reactivación da central térmica de Endesa nas Pontes e que a compañía poida completar a adaptación ordenada que xa estaba impulsando nos últimos anos.

Así o defendeu tras manter unha reunión co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, ao que lle trasladou a preocupación do Goberno galego pola situación na que se encontra a fábrica das Pontes e a afectación que un posible peche tería para as 750 familias que dependen dela directa ou indirectamente. Por iso, solicitou a implicación da compañía para encontrar unha fórmula que garanta a viabilidade da central.

Neste sentido, o presidente expuxo as propostas que tanto a Xunta como o Concello de As Pontes consideran positivas para dar unha resposta á situación que atravesa a planta e poñela en igualdade de condiciones cos distintos países europeos que, no marco da normativa comunitaria, manteñen activas máis dun centenar de centrais térmicas. Entre eles, figuran Alemaña, Polonia, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Croacia, Romanía, Bulgaria, Grecia, Hungría, Finlandia, Irlanda, Dinamarca, Holanda, Austria, Francia, Italia ou Portugal.

Tamén a previsión inicial de Endesa era prolongar a vida útil da central das Pontes, polo que de feito investiu 217 millóns de euros para adaptar as súa emisións aos requisitos ambientais fixados polas autoridades comunitarias para ese período. Por iso, Feijóo pediu ao conselleiro delegado de Endesa que a compañía estude alternativas para que a planta poida seguir sendo competitiva, análises que deben acompañarse de medidas que adecúen o marco enerxético.

No ámbito nacional, a iso podería contribuír a eliminación do imposto ao carbón (como xa se fixo no caso do gas), así como outras medidas fiscais. No plano europeo, existe a posibilidade de que o Goberno central solicite á Comisión Europea a aprobación de medidas de compensación de custos indirectos, algo que xa se autorizou no caso de países como Alemaña.

Ademais de competir en igualdade de condicións co resto de Europa, que mantén a produción de enerxía con carbón en maior ou menor medida, o presidente galego subliñou que a planta disporía así dun período transitorio para seguir buscando outras alternativas que poidan resultar útiles para substituír progresivamente o uso de carbón.

Ademais, subliñou que acelerar o peche abrupto da central das Pontes dificultaría a planificación adecuada da transición enerxética cos fondos que a Unión Europea vai poñer á disposición das zonas afectadas por este tema a partir de 2021, tal e como lle confirmaron ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, esta mesma semana na súa visita a Bruxelas. En consecuencia, defendeu que Galicia non quede fóra da Estratexia de Transición Xusta que vai impulsar o Goberno central.

Por todo isto, insistiu na necesidade de que teña tempo para preparar de forma ordenada a transición no marco da Unión Europea e cos fondos previstos, obxectivo que comparten os directivos comunitarios e que é o único camiño para impedir un impacto social irreparable (que no caso das Pontes afectaría de forma especial ao cadro de persoal, ás auxiliares e aos transportistas que traballan para a central).


Creación dunha mesa de traballo

 

Tras constatar a receptividade da empresa para avaliar esta posibilidade, o presidente valorou a dispoñibilidade de Endesa a participar nunha mesa de traballo coas distintas administracións para avaliar conxuntamente as alternativas que existen para levar a cabo unha transición enerxética real que asegure a continuidade da central das Pontes.

En opinión do presidente, a transición enerxética debe servir para xerar novos proxectos, consolidar os postos de traballo e contar con novas oportunidades para a comarca, de forma que o uso do carbón se substitúa progresivamente por outras alternativas que sigan facendo da central unha fonte de emprego e de riqueza para a comarca e para o conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2019