A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu á celebración do 30 aniversario de Optimil no Hotel Palacio del Carmen de Santiago
A Tarxeta Benvida xa se pode utilizar para comprar nas ópticas de Galicia

Axudará as familias no pago de servizos e produtos destinados a pequenos de entre 0 a 3 anos para mellorar a súa saúde visual

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2019

As familias usuarias da Tarxeta Benvida poderán utilizala para comprar nas tendas ópticas de Galicia. Desta maneira, esta axuda da Xunta contribuirá a financiar os custos dos servizos e produtos destinados a mellorar a saúde visual de pequenas e pequenos de entre 0 a 3 anos.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, díxoo na celebración do 30 aniversario da compañía Optimil. O Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela acolleu o evento desta firma, cuxa sede está emprazada na capital galega, ao que se achegaron persoas franquiciadas de diferentes puntos de España.

Fabiola García destacou que unha óptica non é un negocio máis, senón que realiza un importante labor social. Manter unha boa saúde visual está ao alcance de todos grazas á atención individualizada que realizan estes establecementos. Nesta liña, salientou a colaboración entre administracións públicas e empresas privadas para facer de Galicia unha comunidade máis fácil e amigable para todos.

Ademais, felicitou ao director xeral desta firma, Manuel Baltar, así como a todos os franquiciados, pola súa paixón e servizo de proximidade. Unha atención de calidade que lles levou a conseguir grandes éxitos.

Tarxeta Benvida

A Tarxeta Benvida, que xa a recibiron máis de 40.000 nenos, é unha axuda directa de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene, farmacéuticos e a partir de agora tamén ópticos. Ademais, desde o ano 2017, a axuda estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda igual ou inferior aos 22.000 euros, por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/10/2019