O programa Carné Xove suma como establecemento colaborador ao centro Adams da Coruña, Ourense e Santiago

As mozas e mozos titulares da tarxeta poderán obter un desconto do 10% en libros, cursos e oposicións

A día de hoxe preto de 40.000 persoas desfrutan das vantaxes desta tarxeta, que conta xa con 3260 establecementos adheridos en Galicia

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou un documento de adhesión cos centros Adams da Coruña, Ourense e Santiago para sumarse ás vantaxes do Carné Xove. Este feito permitirá ao alumnado desta entidade que sexa titular do carné desfrutar de descontos do 10% en libros, oposicións e cursos que se realicen nos seus centros.

O Carné Xove é unha tarxeta persoal e intransferible á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos coa que se obteñen descontos e vantaxes das entidades colaboradoras en Galicia, no resto das comunidades autónomas españolas e nos 40 países europeos adheridos a esta iniciativa.

A día de hoxe, son preto de 40.000 as rapazas e rapaces que desfrutan dos beneficios deste programa en Galicia. Estes poden acceder a descontos e outras vantaxes en servizos e produtos dos máis de 3260 establecementos adheridos a este programa, os cales pertencen a diferentes ámbitos: o cultural, do lecer, da mobilidade e da formación, entre outros. Ademais, o Carné Xove leva incorporado un seguro gratuíto para cubrir as continxencias que poidan xurdir nas viaxes que fagan os seus titulares.

Cómpre lembrar que as mozas e mozos que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33% terán dereito á expedición gratuíta deste carné, así como as persoas vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/10/2019