A Xunta felicita aos participantes de 'O Camiño dos Valores' por dar vida ao mellor do espírito xacobeo

O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, recibiu aos participantes na terceira edición desta iniciativa que afonda na dimensión social do Camiño de Santiago

A expedición está formada por 300 persoas, das cales 200 son mozos que, por diversas razóns, están en situación de vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, deu hoxe a benvida aos participantes na terceira edición de O Camiño dos Valores, unha iniciativa posta en marcha pola ONG UP2U Project Depende de Ti e que se serve dos valores solidarios da peregrinación para promover a inclusión daqueles mozos que, por diversas razóns, están en situación de vulnerabilidade.

O titular de Cultura e Turismo felicitou aos participantes nesta iniciativa, 300 persoas, das cales 200 mozos ¬–120 procedentes de Canarias e 80 de distintas provincias do Estado– por “potenciar a dimensión social da Ruta Xacobea e a fomentar os valores do legado xacobeo”. Nesta liña, Román Rodríguez agradeceu o traballo realizado polos responsables da asociación, os maxistrados Reyes Martel e José Antonio Vázquez Taín, a presidenta de ONG e o responsable da delegación en Galicia, e explicou que as sendas de peregrinación funcionaron desde a súa orixe “como unha vía de civilización na que se unifican distintas culturas” e que é precisamente esta diversidade a que fai posible que a Ruta Xacobea “sexa moito máis que un camiño”.

“En O Camiño dos Valores o importante non é a chegada a Santiago, senón participar nun proceso vivencial e espiritual no que paso a paso se constrúen novas experiencias, relacións, aprendizaxes, e valores”, sostivo o representante da Xunta antes de lembrar que peregrinar ata Compostela é aprender que “é necesario esforzarse para chegar á meta e que todo esforzo ten a súa recompensa”.

Durante uns días na súa estancia en Galicia os participantes desta iniciativa estiveron hospedados no albergue xuvenil de Gandarío.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/10/2019