Controlado o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo

Segundo novas estimacións, afecta unha superficie dunhas 40 hectáreas

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019

A Consellería do Medio Rural informa de que o lume forestal rexistrado no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, xa está controlado.

O lume comezou esta tarde ás 16,08 h. e quedou controlado ás 19,40 h. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é dunhas 40 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No lugar participan na súa extinción 2 axentes, 17 brigadas, 2 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 11/10/2019