Extinguidos os incendios forestais dos concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Muíños

No primeiro caso, o lume afectou 50 hectáreas de monte raso na parroquia de Requeixo

O incendio de Muíños localizouse na parroquia de Requiás, dentro do Parque Natural do Xurés, e rexistrou varios focos simultáneos en Portugal e Galicia, onde finalmente afectou 3 hectáreas

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2019

A Consellería do Medio Rural informa de que quedaron extinguidos os dous lumes forestais rexistrados nas últimas horas nos concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Muíños.

No primeiro caso, o lume afectou á parroquia de Requeixo e deuse por extinguido ás 9,43 h. desta mañá, tras iniciarse o venres ás 16,08 h. Afectou, segundo as últimas medicións, unha superficie de 50 hectáreas, todas elas de monte raso. Nas tarefas de extinción deste incendio mobilizáronse 5 axentes, 31 brigadas, 4 motobombas, 3 pas, 13 helicópteros e 3 avións.

En canto ao lume de Muíños (parroquia de Requiás), quedou extinguido ás 20,37 h. de onte, tras comezar ás 16,00 h. Segundo as últimas medicións, afectou 3 hectáreas dentro do Parque Natural do Xurés. Delas, 2,5 foron de monte raso e a media hectárea restante de arborado.

Para a extinción deste incendio, que rexistrou varios focos simultáneos en Galicia e Portugal, mobilizáronse por parte galega 2 axentes, 8 brigadas, 2 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións, participando tamén nos labores medios lusos.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 13/10/2019