Controlado o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque Natural do Xurés

Rexistrou varios focos simultáneos en Galicia e Portugal e de acordo coas últimas estimacións afectou unhas 4 hectáreas en territorio galego

Continúa estabilizado o lume de Chandrexa de Queixa, que afecta, segundo as últimas estimacións, unha superficie de aproximadamente 50 hectáreas

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2019

A Consellería do Medio Rural informa de que o lume forestal rexistrado no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque Natural do Xurés quedou controlado ás 19.00 h. desta tarde.

O incendio iniciouse ás 16,00 h. con varios focos simultáneos en Galicia e Portugal. Na nosa comunidade afectou, segundo as últimas estimacións, unha superficie de arredor de 4 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No lugar mobilizáronse, por parte galega, 2 axentes, 8 brigadas, 2 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións. Nos labores de extinción participaron tamén medios portugueses.

Estabilizado Chandrexa de Queixa

Continúa estabilizado o lume forestal rexistrado no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa e que afecta, segundo as últimas estimacións, unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Nas tarefas de extinción mobilizáronse 5 axentes, 30 brigadas, 4 motobombas, 3 pas, 13 helicópteros e 3 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 12/10/2019