O titular da Xunta presidiu hoxe a sinatura do acordo do patrocinio con Gadisa no marco do Xacobeo 2021
Feijóo destaca a oportunidade social e económica que suporá o Xacobeo 2021 reflectido nun novo patrocinio que achegará case un millón de euros para amosar a mellor Galicia da nosa historia

Celebra o compromiso de Gadisa con Galicia e con este gran evento cultural, presente en todos os xacobeos, desde a última década do século XX ata este terceiro ano santo do século XXI

Asegura que a apertura da Porta Santa engrandecerá a tradición xacobea e será un comezo inmellorable para a Galicia da nova década

Lembra que o Camiño non só se percorre, senón que tamén se saborea na gastronomía, permanece nas paisaxes, admírase a través do patrimonio espallado polas rutas e compártese ao instante a través de internet

Cómpre recordar que o programa de beneficios fiscais estenderase ata o 30 de setembro de 2021, ampliando así a repercusión deste evento e permitindo que o tecido empresarial sexa parte fundamental e participe activamente na súa organización
 

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019

O presidente da Xunta destacou hoxe a oportunidade social e económica que suporá o Xacobeo 2021, reflectido nun novo patrocinio que achegará case un millón de euros para amosar a mellor Galicia da nosa historia.

Durante a sinatura do acordo do patrocinio con Gadisa no marco do Xacobeo 2021, Feijóo celebrou o compromiso desta empresa coa Comunidade e con este gran evento cultural, presente en todos os xacobeos, desde a última década do século XX ata este terceiro ano santo do século XXI.

“O Xacobeo será unha gran festa, un gran acontecemento cultural. Pero tamén unha oportunidade social e económica que a todos nos convoca”, aseverou, facendo fincapé en que a apertura da Porta Santa engrandecerá a tradición xacobea e será un comezo inmellorable para a Galicia da nova década, referíndose tamén á súa contribución ao desenvolvemento do rural. Non en van, lembrou que o Camiño non só se percorre, senón que tamén se saborea na gastronomía, permanece nas paisaxes, admírase a través do patrimonio espallado polas rutas e compártese ao instante a través de internet.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta precisou que esta achega económica de case un millón de euros, estará destinada a máis e mellores actividades, contribuíndo ao desenvolvemento de proxectos de grande repercusión para a Comunidade. “Un compromiso, en definitiva, coa nosa cultura, co noso patrimonio e coa nosa historia”, abundou.

Neste contexto, cómpre recordar que o programa de beneficios fiscais, operativo desde o 6 de novembro de 2018, tras recibir o visto e prace do Consejo Jacobeo, estenderase ata o 30 de setembro de 2021, ampliando así a repercusión deste evento na Comunidade e permitindo que o tecido empresarial sexa parte fundamental e participe activamente na súa organización.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que o vindeiro ano santo será unha oportunidade para mostrar a mellor Galicia, “a nosa mellor versión”, afirmou, subliñando que para conseguilo a Comunidade conta co Plan estratéxico do Xacobeo 2021, no que participaron máis de 600 persoas e entidades da sociedade civil e que se materializa en distintas iniciativas encamiñadas a reforzar a hospitalidade, a facilitar a orientación dos camiñantes, a combater o feísmo e mostrar a mellor cara do Camiño e a manter e restaurar unha centena de monumentos ao longo das rutas.

Así mesmo, nuns tempos nos que se volven escoitar discursos sobre muros e identidades excluíntes, Feijóo reivindicou os valores da ruta xacobea que transcende fronteiras, abre espazos comúns e une na diversidade. Un Camiño que ensina que o orgullo polo propio non é contraditorio co respecto e a tolerancia polos demais.

Pola súa banda, o presidente conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez, destacou o firme compromiso da compañía con Galicia, en xeral, e co Xacobeo, en particular, de forma ininterrompida desde 1999.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2019