Galicia representa ás comunidades autónomas españolas en materia de pesca no Consello de Ministros da Unión Europea
Luxemburgo, 14 de outubro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Luxemburgo xunto co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, ao Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que continuará mañá. Galicia asiste a este encontro en representación do resto das comunidades autónomas españolas en materia de pesca. Na xornada de hoxe analizáronse as propostas de cotas de pesca para o mar Báltico, unha zona na que Galicia apenas ten intereses pero que serven como indicador das medidas de xestión que se van adoptar nas pesqueiras de cara ao próximo ano e que poden dar idea de como será a negociación das cotas de pesca de cara a 2020 no tradicional Consello de Ministros de Pesca de decembro.

A Xunta sempre defendeu que as variacións nas cotas non deben ser superiores ao 15%, nin á alza nin á baixa, co obxectivo de acadar unha sustentabilidade social, económica e medioambiental en augas do Atlántico e é a postura que manterá Galicia no decisivo Consello de Ministros de Pesca de decembro. Na sesión de mañá os ministros de pesca da UE debaterán entre outros asuntos sobre o enfoque do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e sobre as consultas anuais de 2020 da UE con Noruega.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 14/10/2019