A Policía Autonómica identifica a 21 persoas por consumo e venda de alcohol a menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019

Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo un total de 75 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco en 10 concellos galegos entre o 7 e o 13 setembro de 2019.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana realizáronse 29 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Lugo, Mos, Pontevedra, Poio, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Santiago de Compostela e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 21 persoas e inspeccionadas 75 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 4 actas de infracción, tres por venda de alcohol e unha por consumo de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.