O conselleiro do Medio Rural mantivo un encontro cos comuneiros do monte veciñal Río do Sol, en Coristanco, e visitou os terreos da Comunidade de Montes
A Xunta defende unha xestión responsable e sustentable dos recursos forestais en sintonía cos titulares do monte

José González destacou que o Goberno galego fomenta estes labores mediante apoios para accións silvícolas e para plantación de coníferas e frondosas, dos que as comunidades de montes son beneficiarios destacados

Coristanco (A Coruña), 15 de outubro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a importancia de desenvolver unha xestión forestal responsable e sustentable, así como un aproveitamento sostible dos recursos do monte. Engadiu que isto é algo no que a Xunta está a traballar da man dos titulares de terreos forestais e nomeadamente coas comunidades de montes veciñais en man común.

Así o destacou o conselleiro durante o seu encontro cos comuneiros do monte veciñal Río do Sol, na localidade coruñesa de Coristanco, onde tamén visitou os terreos da Comunidade de Montes. Salientou ademais que o Goberno galego fomenta estes traballos con apoios para accións silvícolas e para o fomento da plantación de coníferas e frondosas, dos que as comunidades de montes son un dos seus principais beneficiarios.

Nesta mesma liña, José González trasladou que o obxectivo fundamental das subvencións para labores silvícolas é dobre. Por un lado, apóiase a realización de tratamentos preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. A segunda liña de actuación –explicou– está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se potencia mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros, remarcou o conselleiro.

No caso desta comunidade Río do Sol de Coristanco, no 2017 finalizouse unha obra de tratamentos silvícolas preventivos e está en trámite outra iniciativa con fins silvícolas e de control e eliminación de acacias.

Por último, como parte desta xestión forestal activa e sustentable, o conselleiro lembrou que recentemente se levou a Consello da Xunta a creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esta riqueza. O rexistro suporá beneficios para os titulares destes terreos, que terán prioridade na concesión de axudas públicas, así como vantaxes e incentivos fiscais, concluíu José González.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 15/10/2019