Fabiola García pide ao Concello de Ferrol que ceda canto antes á Xunta os terreos para a construción da futura residencia

Ferrol é a única cidade das sete nas que se abrirán os novos centros integrais de maiores que non ten definida a parcela na que se asentará

Pide que se peche o emprazamento definitivo do novo equipamento para poder cumprir coa previsión de iniciar as obras no primeiro semestre de 2020

Destaca o ambicioso plan de obras que se está a executar na residencia de maiores situada no barrio de Caranza para mellorar o benestar dos usuarios e a eficiencia enerxética das instalacións
 

Ferrol, 15 de outubro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, instou hoxe ao Concello de Ferrol a que poña canto antes á disposición da Xunta de Galicia os terreos para a nova residencia que construirá e financiará a Fundación Amancio Ortega (FAO), que ofertará 120 novas prazas públicas de atención ás persoas maiores. Díxoo durante a visita ao centro residencial situado no barrio ferrolán de Caranza, con catro décadas en funcionamento e que na actualidade está inmerso en plenas obras de renovación.

Ferrol é a única das sete cidades nas que se abrirán as futuras residencias que non ten definida a parcela na que se emprazará. Fabiola García indicou que leva catro meses en conversacións co alcalde de Ferrol e que, seguindo a proposta do Concello, a residencia finalmente asentarase no Bertón en lugar de no Boial, como inicialmente estaba proxectado. Para pechar o acordo, aínda segue pendente a cesión da parcela por parte do Concello, un trámite que a conselleira insta a solucionar con celeridade para cumprir coa previsión de que os traballos comecen no primeiro semestre do 2020, ao igual que as outras seis residencias.

Na visita desta mañá ao centro de maiores situado no barrio de Caranza, Fabiola García comprobou o avance do plan de actuacións que se están a levar a cabo neste e que teñen por finalidade mellorar a comodidade dos 160 residentes cos que conta na actualidade e tamén incrementar a eficiencia enerxética das instalacións.

De feito, o equipamento volve ter en servizo as plantas sexta e sétima unha vez acometida a recente remodelación das mesmas e, nestes momentos, está en marcha o cambio das carpinterías exteriores do edificio, a renovación da instalación de fontanería e o illamento e impermeabilización de terrazas. A conselleira enmarcou estes traballos no compromiso da Xunta por garantir ás galegas e galegos de máis idade as mellores instalacións.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2019