Román Rodríguez subliña que Galicia lidera a planificación do Xacobeo 21 ata o momento con máis de 150 proxectos en marcha e a captación de 6,7 millóns de euros en patrocinios

Destaca que no mes de decembro se presentará a programación do vindeiro Ano Santo baseada na participación, a descentralización e a sustentabilidade

Lembrou que xa se mantiveron reunións con máis de 40 empresas co fin de implicar ao tecido económico no evento con mecanismos como o sistema de patrocinios

Está realizándose unha intensa labor institucional con embaixadores e delegacións internacionais co fin de potenciar a proxección exterior do Xacobeo

Ademais, creouse un grupo de traballo específico para deseñar un plan de aparcamentos disuasorios, mobilidade e control de fluxos en torno á Catedral

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que Galicia lidera a planificación do Xacobeo 21 tras impulsar xa máis de 150 proxectos en marcha e acadar a captación de 6,7 millóns de euros a través do sistema de patrocinios. Fíxoo tras presidir a xuntanza da Comisión Executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 21, integrada por representantes de diferentes departamentos da Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela.

Durante o encontro, o titular de Cultura e Turismo lembrou que a Xunta continúa coa folla de ruta establecida no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que foi presentado o pasado verán. Neste sentido, subliñou que no mes de decembro o Goberno galego avanzará a programación do vindeiro Ano Santo, baseada na participación da sociedade, a descentralización e a sustentabilidade e centrada en crear experiencias únicas, culturais e turísticas aproveitando recursos endóxenos, como a paisaxe, o patrimonio ou a gastronomía.

Explicou que na actualidade xa foron executadas ou están en marcha máis de 150 iniciativas propostas por todos os axentes da sociedade en todo o territorio galego dentro do proxecto do Goberno galego O teu Xacobeo. Ademais, Román Rodríguez destacou eventos como o festival O Son do Camiño, proxectos de colaboración co mundo académico, como o Encontro Internacional de Reitores no Camiño; coa Igrexa, apoiando o Consello das Conferencias Episcopais; ou o iniciativas para potenciar a programación cultural e expositiva de espazos como San Martiño Pinario.

Achegas no Consejo Jacobeo


Outro dos grandes fitos da programación deste evento será a exposición Galicia, un relato no mundo, que permitirá exhibir na Cidade da Cultura unha escolma de pezas de institucións de gran prestixio internacional que confiaron na nosa Comunidade para a cesión de obras como a Biblia Kennicott, propiedade da prestixiosa Biblioteca Bodleiana da Universidade de Oxford.

Precisamente, algunhas destas propostas forman parte dos 35 proxectos presentados por Galicia no Consejo Jacobeo, o órgano de cooperación entre o Goberno central e as distintas comunidades autónomas polas que pasan os Camiños de Santiago. O responsable de Cultura e Turismo puxo en valor o liderado de Galicia neste ente, xa que 24 das 26 propostas aprobadas neste organismo foron achegadas pola nosa Comunidade, sendo a única autonomía que presentou proxectos individuais para o Xacobeo 21.

Implicación de toda a sociedade
Do mesmo xeito, e co fin de implicar a toda a sociedade no vindeiro Ano Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo recordou que xa mantiveron reunións con máis de 40 empresas co fin de implicar ao tecido económico nesta celebración a través de mecanismos como o sistema de patrocinios. Esta ferramenta permitiu a captación, ata o momento, de 6,7 millóns de euros tras asinar acordos con algunhas das empresas máis recoñecidas da Comunidade como Hijos de Rivera ou Gadisa, ademais de importantes acordos para o sector turístico como o acadado con Caixabank.

Así meso, Román Rodríguez destacou a intensa labor institucional que está levando a cabo a Xunta mantendo diferentes contactos e encontros con representantes autonómicos e embaixadores co fin de potenciar a proxección exterior do Xacobeo, tanto no 2020 coma no 2021.

Mellora da seguridade


Outro dos asuntos que centrou a xuntanza da comisión Comisión Organizadora do Xacobeo 21 foi a mellora da seguridade, tanto pública como viaria, do Camiño de Santiago. O titular de Cultura e Turismo lembrou que o Goberno galego leva traballando neste eido a través de diferentes accións como os proxectos de sinalización e mellora das diversas rutas ao abeiro do establecido do Plan Director do Camiño de Santiago.

Segundo o calendario previsto, os investimentos en sinalización da Xunta culminarán en 2020 superado os 10 millóns de euros, mentres que no que respecta a conservación dos distintos itinerarios investiranse 15,6 millóns de euros no Plan de Mantemento que garantirá a conservación dos distintos Camiños ata 2022. Deste xeito, Román Rodríguez salientou que a colaboración do Goberno central nesta materia será fundamental. Así mesmo, e para garantir unha boa acollida aos peregrinos e visitantes, creouse un grupo de traballo específico para deseñar un plan de aparcamentos disuasorios, mobilidade e control de fluxos das persoas en torno á Catedral.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2019