A Xunta reclama ao Estado a elaboración dun censo nacional sobre a poboación de xabaril ante os danos reiterados desta especie en todas as rexións

A directora xeral de Patrimonio Natural e o director de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias asistiron á primeira reunión da Comisión de seguimento da Estratexia de control das poboacións de xabaril en España

Do Campo recorda que o Goberno galego leva meses solicitando a necesidade de fixar uns criterios uniformes e claros para a elaboración dun censo poboacional e establecer medidas conxuntas e globais

Pide ao Ministerio que comunique á Federación Española de Municipios e Provincias a necesidade de trasladar aos municipios e as deputacións provinciais a súa implicación nas medidas informativas e preventivas

Indica que a Xunta vén de declarar a emerxencia cinexética temporal en catro áreas, unha decisión que conta co respaldo da Federación Galega de Caza, a entidade máis representativa deste colectivo na comunidade galega e un interlocutor imprescindible para a aplicación de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexética

Madrid, 15 de outubro de 2019

A Xunta de Galicia vén de trasladar aos responsables do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a necesidade de elaborar un censo a nivel nacional sobre a poboación do xabaril, sobre todo tendo en conta os danos reiterados que esta especie está a producir en todas as rexións do Estado.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, asistiron esta mañá á primeira reunión da Comisión de seguimento da Estratexia de control das poboacións de xabaril en España, celebrada no Ministerio de Agricultura, convocada tras a petición da Xunta de Galicia; onde informaron das medias postas en marcha pola Xunta na rexión, tras a declaración de emerxencia cinexética temporal en catro áreas galegas, despois de aplicar e relacionar os avisos trasladados e a superficie de hectáreas con danos constatados.

Belén do Campo recordou que o Goberno galego leva meses solicitando a necesidade de fixar uns criterios uniformes e claros para a elaboración dun censo poboacional e establecer medidas conxuntas e globais que palien a presenza desta especie. Defendeu que será unha medida útil na medida na que poida facilitar un seguimento continuado no tempo das poboacións de xabaril por comunidades autónomas, de xeito que se empreguen criterios uniformes en todas as rexións, xa que “a xestión desta especie cinexética deber ser global”, reiterou Do Campo, “no canto de que cada comunidade autónoma aplique os seus criterios ou propios parámetros de medición para a contabilización da poboación”.

Aclarou que a presenza elevada de xabaril non afecta única e exclusivamente a Galicia, senón que tamén sofren outras rexións do Estado; por iso lamentaron que non se activara con anterioridade esta Comisión de seguimento -e sobre todo tendo en conta que se aprobou nunha Comisión Sectorial celebrada en marzo-, co fin de establecer unha dinámica de traballo e de intercambio de información útil e coordinada para establecer medidas conxuntas que reduzan a presión desta especie no conxunto do territorio.

Ambos directores concretaron que a presenza do xabaril na Comunidade galega queda patente a través das cifras rexistradas, con 3.907 avisos (a través do 012) por danos de xabaril, os 16.108 exemplares abatidos (dentro da tempada hábil e derivadas de accións por danos), as 31.724 cacerías autorizadas e os 1.805 accidentes de tráfico provocados pola especie. Unha presenza da que a Administración galega é plenamente consciente, de aí a preocupación polos danos que está a provocar nas explotación agrícolas e sectores produtivos, os accidentes de tráfico, así como a presenza desta especie en zonas periurbanas e urbanas.

Neste sentido, manifestaron a necesidade de que a Federación Española de Municipios e Provincias trasladen aos municipios e as deputacións provinciais a necesidade de que se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de maleza incontroladas, que son idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o que propicia a súa incursión na procura de alimento.

Estratexia de medidas ante a declaración de emerxencia cinexéticamente

A directora xeral de Patrimonio aproveitou a súa intervención ante a Comisión de Seguimento para dar contar das medidas postas en marcha pola Xunta, ante a recente declaración de emerxencia cinexética temporal. Unha situación que conta co apoio e o respaldo da Federación Galega de Caza, a entidade máis representativa deste colectivo na comunidade, e un interlocutor imprescindible á hora de establecer mecanismos de colaboración entre Administración e cazadores na adopción de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexéticas, así como na divulgación entre o sector de información básica para o desempeño da práctica cinexética.

Asemade, destacou a modificación da Resolución Anual de Vedas, publicada xa no Diario Oficial de Galicia, co obxectivo de que en todos os concellos da Comunidade as autorizacións de caza por danos se realicen de xeito inmediato e así dar unha solución á situación que está a provocar esta especie, cada vez máis habitual nas zonas periurbanas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2019