A Xunta destaca a importancia de apoiar aos autónomos na súa formación, conciliación e para a segunda oportunidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Pontevedra na VII Mesa do Emprego Autónomo para seguir traballando da man do sector en iniciativas que fomenten o autoemprego e o emprendemento

Conde chamou a centrarse na innovación, na dixitalización e na cualificación como garantes da competitividade empresarial dos autónomos

Coas medidas impulsadas a través da Estratexia do Autónomo, o obxectivo é promocionar e consolidar aos traballadores galegos por conta propia

Pontevedra, 15 de outubro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Pontevedra na VII Mesa do Emprego Autónomo, onde indicou a importancia de seguir colaborando con este colectivo para a súa formación e facilitar tanto a conciliación como a segunda oportunidade.

Deste modo, Conde chamou ao diálogo e á colaboración entre os distintos axentes implicados para garantir liñas de actuación conxuntas, apelando á innovación, á dixitalización e á formación como garantes da competitividade empresarial dos autónomos. O conselleiro convidou aos participantes a “adaptarse ás novas tecnoloxías como resposta ás novas demandas dos consumidores”, respondendo de xeito eficiente ao comercio electrónico.

As medidas que desde a Administración se desenvolverán no futuro servirán para complementar e desenvolver ás liñas actuais. Do mesmo xeito, haberá unha especial atención a tres eidos particulares: a formación, como motor de dinamización e consolidación do emprego; a aposta pola conciliación, como valor de cohesión familiar e social; e medidas para a segunda oportunidade, que permita aos autónomos reiniciar a súa actividade cunha nova iniciativa empresarial.

O titular de Economía, Emprego e Industria, salientou a relevancia dos traballadores autónomos para Galicia, situándoos como “un dos sectores máis importantes da nosa economía”, debido á súa capacidade para xerar emprego e ao valor da súa actividade empresarial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2019