A Xunta aposta por potenciar o liderado feminino e a participación das mulleres en igualdade de condicións en todas as esferas da sociedade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á presentación do proxecto 'Referentes Galegas' impulsado por Executivas de Galicia

Susana López Abella indicou que é necesario visibilizar o talento feminino e seguir avanzando cara a unha igualdade real entre mulleres e homes

O Goberno galego traballa na loita por igualdade e por erradicar calquera tipo de discriminación en ámbitos como a ciencia ou o rural

Vigo, 16 de outubro de 2019

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, defendeu hoxe fomentar a participación das mulleres en igualdade de condicións en todas as esferas da sociedade e incrementar a súa presenza nos ámbitos de decisión e influencia das estruturas sociais, políticas, económicas e profesionais, á vez que se potencia o liderado feminino.

Susana López Abella participou hoxe na presentación do proxecto Referentes Galegas impulsado por Executivas de Galicia e lembrou que esta iniciativa presentouse a nivel autonómico o ano pasado grazas ao convenio entre a Xunta e a organización.

Este proxecto naceu para dar visibilidade ás mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus respectivos sectores co fin de crear unha base de datos pública para os medios de comunicación, organismos ou entidades que requiran a colaboración ou información dunha profesional muller, xa sexa como relatora, como colaboradora nunha publicación, como experta ou simplemente como persoa de referencia para unha consulta.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou que é preciso visibilizar o talento feminino e seguir avanzando cara á igualdade de oportunidades. Por iso, considera preciso reforzar a presenza das mulleres nos espazos de decisión para que mulleres e homes poidan acadar o seu desenvolvemento en distintos ámbitos da vida sen limitacións por razóns de xénero.

A Xunta traballa na loita pola igualdade real entre mulleres e homes e por erradicar calquera tipo de discriminación en ámbitos como a ciencia ou o rural. Así, o Goberno galego recoñece desde 2007 cada ano ás mulleres científicas de Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer, galardón que este ano recibirá a catedrática en Farmacia Mabel Loza.

No ámbito rural, a Xunta puxo en marcha onte o proxecto Sementes para a Igualdade para poñer en valor o emprendemento das mulleres rurais e defender os seus dereitos baixo unha perspectiva de igualdade.