As empresas galegas superan á media estatal no uso da administración electrónica

O 93,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 74,1% das microempresas xestiona online coas administracións

Galicia ocupa a primeira posición do Estado no indicador de empresas de 10 ou máis traballadores con conexións contratadas de máis de 100 Mbps

As empresas galegas de máis de dez traballadores lideran o ranking nacional no uso de Cloud Computing e Big Data

A aposta polas conexións móbiles á Rede entre as empresas galegas continua o crecemento sostido dos últimos anos, converténdose na tecnoloxía principal de acceso para as microempresas
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019

O 93,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 74,1% das microempresas interactuou coas administracións públicas a través de Internet. En ambos tipos de empresas a xestión online coa administración é superior ao do conxunto do estado e sitúa a Galicia nos primeiros postos entre as diferentes Comunidades Autónomas.

Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2018/2019” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

As microempresas galegas decántanse pola banda larga móbil

A dispoñibilidade de conexión a Internet contratada entre as microempresas galegas achégase ao 72,8% das entidades, experimentando un aumento dun 6,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (1%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, con apenas dúas décimas de diferencia.

Entre as tecnoloxías de acceso, as empresas galegas apostan novamente pola banda larga móbil: o 77,3% das microempresas e o 87,7% das de 10 ou máis traballadores contratan este tipo de servizo. En ambos casos superan a media do conxunto do estado.

Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, a banda larga móbil constitúe xa a primeira tecnoloxía de acceso, por diante de conexións fixas. Deste modo, un 74,7% das pequenas empresas dispón de banda larga fixa e un 77,3% de banda larga móbil. Cabe salientar que a contratación de banda larga móbil entre as microempresas medrou un 6,8% no último ano, o que sitúa a Galicia na quinta posición no ranking de Comunidades Autónomas neste tipo de conexión.

 

As empresas galegas con conexión a Internet superan á media estatal no que se refire á interacción coas Administracións Públicas: no caso das microempresas, o 74,1% relacionouse electrónicamente coa administración no último ano, cando a nivel nacional o fixo o 72,8%, o que posiciona ás empresas da nosa comunidade no quinto posto do ranking. Entre as de 10 ou máis traballadores a media galega das empresas que se relacionan electronicamente coa administración sitúase nun 93,5%, fronte ao 90,8% da media estatal, e ocupando o sétimo posto entre todas as Comunidades Autónomas.

As empresas galegas de 10 ou máis incrementan a velocidade de conexión
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de conexión a Internet (98,6%) e banda larga (100%), en valores semellantes á media estatal.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, máis da metade das empresas galegas de 10 ou máis asalariados (57,3%) conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps. Supera en máis de vinte puntos ao volume de empresas de similares características no conxunto do estado, ocupando Galicia a primeira posición comparativa entre todas as Comunidades Autónomas.

Destacar tamén que o 93,4% das empresas de 10 ou máis traballadores empregan algunha medida de seguridade no uso das TIC, por riba do total estatal, o que sitúa a Galicia na sétima posición do ranking autonómico.

Galicia lidera o uso de Big Data e Cloud Computing

Como xa tiña acontecido no ano 2018, o uso de Big Data por parte das empresas galegas de 10 ou máis traballadores segue a medrar, pasando dun 9,4% ao 11,6% a proporción de empresas que analizaron Big Data. Galicia ocupa o primeiro posto entre todas as Comunidades Autónomas. En relación ás tecnoloxías cloud, o 37,8% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing, máis que duplicando o volume de empresas galegas do segmento do ano 2018 (14,5%), liderando os valores de todas as Comunidades Autónomas e superando amplamente ao uso de Cloud Computing entre a totalidade das empresas do conxunto estatal (22,2%).
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/10/2019