Miranda asiste ao espectáculo 'Diversións' levado ata Río de Xaneiro polos artistas galegos Rosa Cedrón e Emilio Rúa

O dúo de compositores interpreta pezas de autoría conxunta e versións propias

Entre as cancións máis destacadas das que desfrutou o público asistente atópanse ‘Teño Saudade’, ‘Pousa’, ‘Miudiño’ ou ‘A Carolina’

O concerto sitúase no marco dos actos de celebración da Hispanidade en Río de Xaneiro

Río de Xaneiro (Brasil), 20 de outubro de 2019

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, segue a desenvolver a súa axenda no marco da viaxe institucional que estes días está a levar a cabo por Cuba e Brasil. Neste contexto, Miranda, acompañado polo cónsul Luis Prados Covarrubias, asistiu ao espectáculo ‘Diversións’ levado ata Río de Xaneiro polos dúo de compositores galegos Rosa Cedrón e Emilio Rúa.

Este espectáculo, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, e que sitúa no marco dos actos de celebración da Hispanidade en Río de Xaneiro, inclúe pezas de autonomía conxunta e versións propias. Así, o público congregado no Parque das Ruinas, puido desfrutar de cancións tradicionais galegas como ‘Teño Saudade’, ‘Pousa’, ‘Miudiño’ ou ‘A Carolina’.

“Ambos artistas son parte moi importante da cultura e da música galega deste século, polo que este concerto permite reforzar os vínculos entre Galicia e o Brasil, levando a música da nosa terra ata unha das cidades máis importante do país amazónico”, salientou Rodríguez Miranda.

Deste xeito, ponse en valor a cultura galega na colectividade con dous artistas de recoñecido prestixio. Non en van, o cantautor ourensán Emilio Rúa leva máis de trinta anos no mundo da música tras comezar na orquestra familiar Concorde Atenea, formada polo seu pai e os seus catro irmáns maiores. E a monfortina Rosa Cedrón é coñecida por ser durante case unha década a voz de Luar na Lubre, e pola súa colaboración tamén en discos de músicos internacionais como Mike Oldfield.

Visita ás entidades galegas

Así mesmo, na tarde de onte Miranda visitou a Casa de España e a residencia Santiago Apóstol da Sociedade Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada resaltando, en ambos casos, “o importantísimo traballo que realizan estas institucións a prol da nosa Galicia exterior”.

Así, e como recordou, a Casa de España impulsa desde a súa orixe numerosas actividade de recreo e culturais, ademais de contar cun centro de día para maiores que suma arredor de 200 usuarios.

Unha labor semellante a que leva a cabo o Recreio que, como puxo en valor o secretario xeral, tras unha etapa de “modernización”, actualmente é un exemplo de como debería ser unha residencia de anciáns” na que se presta atención sociosanitaria e asistencia sen esquecer o carácter cultural.

Non en van, esta residencia atende de forma gratuíta a 35 galegos sen recursos grazas ao apoio da Xunta xa que, como salienta Miranda, “Galicia ten unha débeda de xustiza con todos aqueles galegos que tiveron que marchar a facer patria fora da súa propia terra”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2019