Almuiña pide un esforzo de integración en materia sanitaria entre as distintas comunidades autónomas

Cre o conselleiro galego que se están a dar pasos neste sentido xa que, ata hai poucos anos, non se dispoñía dun calendario de vacinación común ou dunha tarxeta sanitaria que puidera ser lida en distintos servizos de saúde

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego participou nun foro organizado polo Colexio Oficial de Médicos de Navarra, no que se falou dos novos retos da xestión dos servizos de saúde, e onde remarcou que o cambio ao que é necesario dirixirse é á relación individual co paciente

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou este venres nun Foro sobre Sanidade, Medicina e Cidadanía, que organizou o Colexio Oficial de Médicos de Navarra. Na mesa na que falou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego abordáronse os novos retos na xestión dos servizos de saúde a medio e longo prazo, e nela interviñeron, ademais do conselleiro galego, o responsable de Sanidade de Extremadura, José María Vergeles Blanca; a conselleira de Sanidade de Navarra, Santos Induráin Orduna; e a titular de Sanidade da Rioxa; Sara Alba Corral.

Na súa intervención, Almuiña remarcou a importancia de realizar esforzos en materia de interoperabilidade dos sistemas, posto que posibilitan un avance significativo e imprescindible para poder manter realmente un concepto de sistema. Neste senso, cre o conselleiro galego que se deron algúns pasos interesantes, como é o caso da receita electrónica, aínda que debe dar que pensar que ata hai poucos anos practicamente non había un calendario de vacinación común ou unha tarxeta sanitaria que puidera ser lida en distintos servizos de saúde. Ao respecto dixo que a Rede de Axencias de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias permite que se traballe dun modo máis corporativo dentro dos sistemas sanitarios e ese pode ser un bo modo en que se centre este traballo en común.

Organización corporativa

Almuiña dixo que o Sergas ten como unha das súas características o feito de ser unha organización corporativa, que lle permitiu desenvolver proxectos como a historia clínica electrónica que sexan comúns para todos os seus centros. O conselleiro dixo que é moi importante manter este valor corporativo, xa que así estanse a levar a cabo proxectos de innovación que probáronse nalgún centro sempre pensando na incorporación ao resto da organización. Tamén definíronse procesos asistenciais similares para todos os centros, como o Plan Ictus, ou se unificou a xestión de compras dun almacén único para todo o Sergas.

Destacou, así mesmo, o cambio nos sistemas de participación tradicional cara a un máis directo, dirixido ás asociacións de pacientes. Así, o conselleiro dixo que é habitual que estas asociacións de doentes participen na elaboración dos distintos plans, programas ou estratexias da Administración sanitaria galega, permitindo incorporar o seu punto de vista.

Relación co paciente

Almuiña remarcou que o cambio ao que é necesario dirixirse é á relación individual co paciente. A tipoloxía do doente cambiou, en parte como consecuencia do éxito do propio sistema sanitario, por iso agora hai moitos máis pacientes crónicos, cunha maior frecuentación e é necesario un cambio na forma de relacionarse con eles.

O responsable sanitario galego dixo que o Sergas dispón dun sistema de control do paciente dende a súa casa con determinadas patoloxías, como a hipertensión, a diabetes ou a Epoc, a través do que, o persoal de enfermería de atención primaria controla as distintas variables que se determinan en cada caso, así como o mantemento das medidas establecidas para cada paciente.

Este sistema, remarcou Almuiña, está dispoñible xa para a totalidade dos centros de saúde do Sergas e obsérvase unha redución da frecuentación no uso das urxencias hospitalarias e as consultas en primaria. Ademais, os indicadores de saúde, o peso, ou a tensión arterial, melloraron nestes pacientes.

Por tanto, remarcou o conselleiro, o cambio nesta relación cos cidadáns é a tarefa que temos agora dentro do Sistema Nacional de Saúde.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/10/2019