O programa da Xunta Talento Sénior impulsa a incorporación de 15 profesionais de alta cualificación a empresas e centros de coñecemento

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución desta iniciativa, á que se destina preto dun millón de euros co obxectivo de fomentar a atracción e o retorno de talento

Os doutores e especialistas contratados contan cunha media de 11 anos de experiencia en diferentes ámbitos da I+D+i, e máis da metade son mulleres

Seis profesionais regresan a Galicia desde Estados Unidos e diferentes comunidades autónomas

Desenvolverán a súa actividade en sectores como o naval, o pesqueiro, a saúde e a biotecnoloxía ou as tecnoloxías da información

As entidades beneficiarias recibirán un incentivo de 64.000 euros por cada un dos contratos, todos iguais ou superiores a tres anos e a maioría indefinidos

A iniciativa forma parte do programa Talento 2021, que busca xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2019

Un total de 15 profesionais de alta cualificación vanse incorporar a 9 empresas e 6 organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos galegos grazas á resolución da segunda edición do programa Talento Sénior, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Con esta iniciativa, a Xunta impulsa a atracción e o retorno de investigadores doutores e tecnólogos de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que participen en proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), concedeu apoios por preto dun millón de euros, e así, as entidades beneficiarias contarán cun incentivo de 64.000 euros por cada persoa contratada.

Todos os contratos son iguais ou superiores a tres anos, e a maioría indefinidos. As entidades deberán achegar ao profesional que se incorpore a través deste programa un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade. Ademais, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro.

Os especialistas contratados contan cunha media de 11 anos de experiencia en diferentes ámbitos da I+D+i, e desenvolverán a súa actividade en sectores como o naval, o pesqueiro, a saúde e a biotecnoloxía, as ciencias naturais, os servizos técnicos de enxeñería, e as tecnoloxías da información.

Seis deles retornarán a Galicia desde Estados Unidos e diferentes comunidades autónomas e máis da metade, un total de 9, son mulleres. Estas novas contratacións súmanse ás dez impulsadas na primeira edición de Talento Sénior, que está incluído no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2019