Almuiña sinala que os cambios que necesita a atención primaria so son posibles dende o diálogo entre as administracións, os profesionais e a cidadanía

Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, no acto de clausura da 89 European General Practice Research Network Conference

Incidiu no reto que supón para o sistema sanitario no seu conxunto e para a atención primaria en particular a maior prevalencia de enfermidades crónicas

Vigo, 19 de outubro de 2019

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, amosouse convencido de que os cambios que necesita o modelo organizativo de atención primaria “so son posibles dende o diálogo e o traballo colaborativo das administracións públicas, os profesionais e a cidadanía”. Así o destacou no acto de clausura da 89 European General Practice Research Network Conference, as XXIII Xornadas galegas de medicina familiar e a XIX Xornada da Rede Española de Atención Primaria, que tivo lugar no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O conselleiro sinalou, tamén, que o Plan galego de atención primaria 2019-2021, presentado no mes de maio, “desenvolveuse coa colaboración de todas as categorías profesionais do primeiro nivel asistencial”. Trátase dun documento “que aposta firmemente pola investigación en primaria e pola atención comunitaria, como así o reflicten dúas das súas sete liñas estratéxicas”.

Almuiña dixo que “os profesionais de atención primaria son o referente do paciente e constitúen a pedra angular sobre a que se asentan moitas das políticas desenvolvidas nos últimos tempos polos diferentes sistemas sanitarios”.

Tamén remarcou o conselleiro que “temos unha sanidade que investiga, que innova, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevé enfermidades, que promove a saúde e que ofrece unha atención primaria de calidade”.

O máximo responsable da sanidade pública galega incidiu, así mesmo, no reto que supón para o sistema sanitario no seu conxunto e para a atención primaria en particular a maior prevalencia de enfermidades crónicas, destacando, ao respecto, que a Comisión Europea vén de outorgar a Galicia a máxima cualificación como rexión de referencia no desenvolvemento e a adopción de prácticas innovadoras para o envellecemento activo e saudable. Para darlle este distintivo, a Comisión Europea valorou as estratexias integrais que ten implementadas a nosa comunidade neste ámbito, -concluíu Almuiña-.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 19/10/2019