A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu a esta fase do campionato
O Espazo Xove de Vilagarcía acolle unha das competicións do primeiro torneo autonómico de 'League of Legends'

Nesta fase participan catro equipos formados por cinco persoas cada un

Pasarán á final do campionato os dous mellores grupos

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de outubro de 2019

O Espazo Xove de Vilagarcía acolle hoxe unha das semifinais dentro do torneo autonómico do videoxogo League of Legends (LOL). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acudiu á celebración desta fase do campionato na que participan catro equipos formados por cinco persoas cada un. A Xunta de Galicia procura con esta iniciativa promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.

Este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, estase celebrando 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Este será o cuarto Espazo Xove que acolle unha destas fases.

Deste torneo clasificaranse para a final dous dos catro equipos participantes. Cada equipo está conformado por cinco mozos/as, dos cales unha persoa actúa como capitán. Cómpre indicar que antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos.

Tras esta fase inicial nos diferentes Espazos Xove, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.

Data de actualización: 19/10/2019