A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon en marcha esta actividade en colaboración coa Asociación de Executivas de Galicia
A Xunta de Galicia apoia o emprego feminino a través dun programa de formación e prácticas non laborais en empresas

O prazo para inscribirse nesta iniciativa estará aberto ata o 29 de outubro e nel poderán participar mozas galegas e portuguesas de entre 18 e 30 anos

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia pon en marcha xunto coa Asociación de Executivas de Galicia a actividade Fomento do emprego xuvenil feminino. Trátase dun programa de formación e prácticas non profesionais en empresas para favorecer a inserción no mundo laboral das mozas galegas e portuguesas.

O Goberno galego aposta por esta iniciativa que impulsa o coñecemento e a experiencia práctica das mozas galegas na súa transición entre o ámbito educativo e o mercado laboral. Neste sentido, o programa estará composto por unha fase de formación na que se impartirán dous talleres: un de mellora das competencias persoais e das habilidades para o emprego e outro no que se incidirá na mellora de ferramentas para a busca de traballo, como son o currículo vitae ou as entrevistas persoais.

A segunda parte da actividade consistirá na realización de prácticas formativas non laborais en empresas. Impartiranse en Galicia e terán unha duración de quince días ao longo da segunda quincena do mes de novembro. O programa tratará de escoller unha empresa adaptada ao perfil do solicitante e haberá un seguimento individualizado da súa formación. As compañías que se ofertarán pertencen a diferentes sectores como o industrial, a alimentación, o turismo ou a hostalería, entre outros.

O prazo para a inscrición no programa está aberto desde o 16 ata o 29 de outubro e poderase realizar mediante o envío do formulario electrónico. O número de prazas ofertadas é de 50 e a admisión realizarase en rigorosa orde de inscrición entre todas aquelas persoas cuxo perfil se adapte aos criterios solicitados polas empresas colaboradoras. As xornadas teóricas realizaranse nos Espazos Xove de Ourense, Vilagarcía e Betanzos durante o mes de novembro.

Proxecto Lidera

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP), un proxecto que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1,4 millóns euros cunha cofinanciación dun 75% de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).

Dentro do proxecto Lidera, esta acción formativa forma parte da actividade Crece que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os distintos actores e reactivos do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2019